ferroldondeyonaci.es

 Todo sobre Ferrol

     O tempo para Ferrol      Idioma   Contáctanos
 
 

MENÚ

Orixe e evolución

Antigos barrios

Os barrios
A Graña
Ferrol Vello
Esteiro
Canido
A Magdalena

Novos barrios

A zona rural

Plazas e Monumentos

Museos y Bibliotecas

Edificios

Tradicións

Deporte

O Naval

 

 
 
 
 

 

Antigos Barrios

 

OS BARRIOS

  Os primitivos barrios ferroláns conservaron a súa fisionomía durante moitos anos, mais desde principios do século XX, sufriron varias transformacións que mudaron o seu aspecto - nalgúns casos, como o de Esteiro - de xeito radical.

 

  A Graña

  A aldea de A Graña comezou a ter algo de importancia a finais do século XVI, cando a ría de Ferrol foi escollida por Felipe II para refuxio e base de aprovisionamento da Armada Real.

  Existen documentos que sitúan no ano 1158 a fundación desta aldea, como consecuencia da doazón daquelas terras á Orde do Císter, por parte do seu propietario, o Mosteiro de Sobrado.

  Alí trasladáronse a vivir algúns monxes cistercienses, que colaboraban cos aldeáns,  dirixindo e organizando o traballo, principalmente agrícola e gandeiro.

  Na primeira metade do século XVIII, A Graña foi escollida para instalación do Real Arsenal e Estaleiro, coa conseguinte afluencia de poboación, que fixo aumentar significativamente a construcción de vivendas, das que se conservan algunhas de características notables. Co aumento poboacional, fíxose necesario atender as necesidades alimenticias, provocando o crecemento da agricultura nos territorios próximos. Na Graña construíronse algúns muíños e fomentouse a apicultura, coa instalación de varias colmeas.

  Co traslado do Real Arsenal e Estaleiro á vila de Ferrol, A Graña perdeu moito do seu potencial industrial e humano. Malia iso, a aldea foi medrando, aínda que dun xeito un pouco anárquico, configurando unha especie de i grego deitado, que se converteu na referencia ou símbolo, do que xa pasou a ser un barrio máis da cidade de Ferrol.

  O crecemento de A Graña non foi parello ó doutras zonas, debido principalmente as características do terreo, moi limitado pola aba da montaña e o mar, e as deficientes comunicacións coa vila ferrolá, que dependían case exclusivamente do transporte marítimo, xa que o percorrido por terra era excesivamente longo e difícil.

  Para minguar o illamento da zona, a mediados do século XX, emprendeuse a construcción dun túnel preto da ribeira, a través dos altos da Cabana, coa ida de facer chegar o ferrocarril ata a pequena vila, mais ese túnel nunca chegou a se rematar.

  O que si se rematou foi o que se fixo baixo o propio monte da Graña, que permite o acceso desde a Cabana ata o interior da Base Naval. Nun principio, o acceso por este túnel estaba reservado para as Forzas Armadas, pero axiña foi permitido o paso dos autobuses e coches particulares con pases especiais, o que facilitou o desplazamento dos residentes.

  Durante moitos anos poderíase decir séculos -  A Graña foi a principal fornecedora de pedra para todas as construccións que se fixeron en Ferrol. As súas canteiras proporcionaron grandes cantidades de granito de moita calidade, empregadas especialmente nas construcción de tipo militar.

  A través do tempo consérvase un pequeno estaleiro, que pasa por ciclos de traballo e abandono, segundo a demanda de pequenos pesqueiros e o acerto dos empresarios.

  Actualmente estanse a restaurar varias das casas máis antigas do barrio, por mor dun acordo entre o Concello e a Xunta de Galicia, que concede axudas económicas ós propietarios dos edificios.

   

Rúa Real Baixa

 

  Foto da “Y” de A Graña desde o mar

  Unha parte importante de A Graña está constituida pola Base Naval, que rodeada por muro e alambradas, encerra no seu interior modernas instalacións e peiraos, que ocupan unha boa parte da zona costeira.

  A Base é utilizada pola Armada para aprovisionamento e pequenas reparacións dos buques de guerra, e conta cunha pista de aterraxe para helicópteros.

  Tamén no interior había un campo de fútbol no que xogaban os equipos locais e os dos diferentes barcos, e onde se xogaron os primeiros encontros futbolísticos de Ferrol, aló polos primeiros anos do século XX.

 

Foto da Base Naval, desde o mar

    Na mesma marxe da Ría hai outros dous pequenos núcleos de poboación:

  A Cabana, máis preto da cidade e San Felipe, a carón do castelo, que teñen unha función case exclusivamente residencial, nos que se atopan algúns establecementos hosteleiros con sona de bo comer e beber.

  Na Cabana - hai moitos anos - houbo tamén un pequeno estaleiro, hoxe utilizado como base para embarcacións deportivas, escola de navegación a vela, etc.

  Pola súa parte, a zona de San Felipe tamén proporcionou grandes cantidades de pedra das súas canteiras.

 

 

 

Ferrol Vello

Ferrol Vello pódese considerar o máis antigo dos barrios de Ferrol, xa que en realidade, foi a primeira zona habitada de importancia e segundo varios historiadores, a verdadeira orixe de Ferrol.

A construcción dos novos barrios de Esteiro e A Magdalena, supuxo un grande crecemento da cidade e como os novos edificios contrastaban fortemente coas vellas estructuras do primitivo núcleo, este recibiu entón o apelativo de “Vello”, aínda que case todo o mundo na cidade refírese ó barrio co nome de “ O Muelle”.

Parece confirmado que o seu nacemento débese principalmente á actividade pesqueira que practicaban os seus moradores no interior da ría, que naqueles tempos tiña unha grande abundancia e variedade de peixe e marisco.

Algúns daqueles historiadores sosteñen a teoría de que, nese lugar, existiu anteriormente un Castro, é dicir, unha pequena aldea a carón da ribeira marítima, rodeada dun muro pola parte de terra, para defenderse dun posible ataque de xentes estranxeiras. A entrada ó poboado facíase a través da “Porta do Castro” situada nunha parte non determinada do muro.

Pola parte do mar chegábanlles comerciantes fenicios ou romanos, cos que intercambiaban os seus productos, aínda que tamén podía chegar algún esporádico ataque vikingo.

A configuración urbana de Ferrol Vello corresponde á da Idade Media, con rúas estreitas e irregulares e casas de baixa altura, edificadas en solo de fortes desniveis. Nos séculos XV e XVI, acadou un alto nivel de poboación, ata que no 1568, un pavoroso incendio arrasou case a totalidade das vivendas, salvándose só as edificacións situadas nos límites exteriores, entre elas o hospital, a igrexa parroquial de San Xiao e o convento de San Francisco, dos que hoxe non queda nin rastro.

Malia a grande perda en casas, mobles e utensilios, os ferroláns non tardaron moito tempo en reconstruír totalmente o poboado.

O centro da vida social e comercial da pequena vila, era a Praza Vella, na que conflúen as rúas Espíritu Santo, do Castro, do Cristo, Benito Vicetto, Carmen Curuxeiras e máis a de San Francisco, que ó remate da súa empinada costa, enlaza coa rúa Real de La Magdalena.

                       Foto da actual Praza Vella

 

Foto da Rúa San Francisco

  Outras rúas importantes son a da Merced, a de Manuel Comellas, a de San Antonio e a de Espartero, que continúa coa de Isacc Albéniz e se une coa de San Francisco, para enlazar tamén coa rúa Real.

No século XVIII, por mor da construcción do Cuartel de Instrucción e outros edificios do Arsenal Militar, a Praza Vella perdeu boa parte do seu espacio e perdeuse tamén o porto da Cruz, posteriormente substituído polo peirao de Curuxeiras.

 

Foto do antigo peirao de Curuxeiras

 Outros edificios que desapareceron foron, a primitiva igrexa de San Xiao - erixida posiblemente nos séculos X – XI, con grosos muros e contrafortes – a Porta do Castro, o Hospital de Caridade, a Casa do Concello...

 

Unha reforma do cerramento desa zona do Arsenal Militar, cambiando a muralla por unha reixa de ferro, permite apreciar a importancia arquitectónica dos edificios, dando ademais a sensación de maior amplitude da praza.

 Foto da entrada do Arsenal Militar, coa vía do tren, a carón do Cuartel de Instrucción

 

A principios do século XX, o barrio experimentou unha importante transformación, co empedrado das rúas, a acometida de auga potable a chegada do tranvía e a construcción de novos edificios con diferentes tendencias arquitectónicas que, dalgún xeito, harmonizaban coas construccións antigas.

Foto das arcadas  

 

Foto dun edificio moderno

 

 Estas novidades foron celebradas con entusiasmo polos veciños, que compuxeron una canción que dicía más ou menos así:

Ferrol Vello barrio dotado,

co asfalto e o adoquín,

a nova PYSBE e auga corrente,

o Ferrol Vello xa se parece a París.

 

e si os mortos baixaran de Canido,

cando viran o seu barrio natal,

falarían así entre dentes,

¡ai Ferrol Vello que bonito vas estar!.

 

Os turistas polo verano,

tortos e bizcos se van a quedar,

cando vexan o Muelle amañado,

que xa parece o Paraíso terreal.

 

Recentemente, o Concello asinou un acordo coa Xunta de Galicia para proceder á rehabilitación de Ferrol Vello naquelas partes que se poidan conservar, concedendo axudas económicas ós propietarios dos edificios. E no caso de inmobles ruinosos, considerados irrecuperables, xa se está a proceder o seu derrubamento.

Unha parte de Ferrol Vello que pode ter grande importancia para o futuro urbanístico do barrio, é a parcela ocupada pola antiga fábrica de lapis, agora en ruínas, e por agora, sen un proxecto adoitado para a súa utilización.

 

Foto da fachada da Fábrica de lapis

 

 Actualmente unha das zonas máis animadas de Ferrol Vello é o “Paseo de la Marina”, a carón dos peiraos, onde algúns edificios novos e varias cafeterías lle dan un aire modernista.

Foto do Paseo da Marina

 

Esteiro

   O barrio de Esteiro foi edificado no século XVIII, por mor do traslado do Real Estaleiro e Arsenal  desde A Graña ata a vila de Ferrol, que naqueles tempos chamábase a vila de San Xulián.

 Planificado polo enxeñeiro francés La Croix, foi feito a toda presa, como solución á grande demanda de vivendas ocasionada pola chegada de numerosas familias de traballadores, que viñan á vila para incorporarse ás tarefas da construcción de barcos para a Armada Española.

 A continua chegada de obreiros, supuxo á necesidade de máis vivendas, e xa que logo, o deseño inicial sufriu moitas alteracións antes do remate das obras previstas, o que prexudicou a súa traza inicial

 As vivendas eran de pouca calidade, mal ventiladas e con moi poucos medios hixiénicos, aínda que se tratou de facer un poboado con certa intención urbanística, no que estaban deseñadas dúas prazas e unha igrexa, como un adianto do que despois sería o barrio de A Magdalena.

 

A igrexa de “As Angustias”, segundo un antigo debuxo

 Aspecto actual da Igrexa de “As Angustias”

 

 Nun principio, Esteiro estaba conformado por 4 rúas lonxitudinais rectas, San Pedro, San Sebastián, San Nicolás e San Roque-Ánimas, ás que se engadiron mais tarde outras dúas, a de Fernando VI e a de Carlos III, que seguindo o exemplo dos nomes das outras rúas, foron popularmente coñecidas como San Fernando e San Carlos. A Praza do Hospital Militar na parte máis alta, e a de San Agustín na parte baixa, facían de remate nos extremos daquelas rúas.

 

Antiga rúa de Carlos III (ou San Carlos)

  

As rúas transversais, que eran moi estreitas, estaban concibidas como pasadizos entre rúas, sen respectar os criterios de rectitude e amplitude usados nas anteriores. Nembargantes, coa ampliación das dúas novas rúas, tamén se deseñaron rúas transversais de igual amplitude, como as de Adán e Eva, Moreno, La Salud e San Luís.

 

Rúa de “Adán y Eva”

  

Pouco a pouco, o barrio foi medrando e estendéndose ata abarcar un amplo espacio, que comprende tamén a zona de San Amaro, de xeito que os límites chegan a confundirse cos do barrio de La Magdalena. En calquera caso, poderíase delimitar Esteiro, extraoficialmente e dun xeito aproximado, entre rúas da Igrexa e Rochel por unha parte, toda a Avenida de Vigo (rúa da Muralla) por outra, e as de Taxonera e Mac Mahón (Circunvalación) por outra, tendo en conta ademais, que as instalacións militares e as escolas de “Batallones” e o Estaleiro (hoxe “Navantia”), poden quedar incluídos tamén no que se considera Esteiro.

 

Antiga entrada ó estaleiro, pola Porta de Carlos III

 

 Entrada principal do estaleiro “Navantia”

  

Había nun principio dúas fontes nas que se surtían de auga os habitantes. Unha delas situada na praza de San Agustín, (entre as rúas de San Sebastián e San Nicolás), e a outra nunha zona coñecida por “as catro esquinas”, tamén situada entre esas dúas rúas. Logo engadíronse outras dúas máis, a última delas en fronte da fachada principal do que durante moitos anos foi o Hospital de Mariña.

 

Unha das fontes de Esteiro

 

Os equipamentos de tipo social eran practicamente inexistentes, mais a convivencia diaria e as dificultades da vida cotiá, fomentaron neste barrio de condición obreira, un grande sentimento de solidariedade, que fixo xurdir agrupacións deportivas e culturais que mantiñan un grande nivel de actividade. O barrio chegou a ter tres equipos de Fútbol Afeccionado - Esteiro, Ferrándiz e Ánimas - e unha Asociación musical, chamada “Armonía” . De Esteiro se dicía entón, que era “un Barrio con Alma”.

 Co tempo o Esteiro foi crecendo, construíndose numerosos edificios, uníndose co pequeno núcleo de vivendas de San Amaro, e xurdindo novas rúas como Espoz e Mina, San Xosé, San Amaro, a zona do Campón, Soto, San Ramón, Españoleto, Velázquez, Zurbarán, Pondal, Pascual Veiga, Iglesia Parga, Vázquez Cabrera, Carlos Casares, Colón e algunha outra, nas que tamén se foron levantando novas vivendas e substituíndo algunhas das vellas edificacións por outras máis modernas.

O paso dos anos e as inclemencias do tempo fixeron estragos naqueles edificios, ata que no século pasado, a principios dos anos setenta se decide a derruba do primitivo barrio, deixando só en pé as casas pertencentes á parte menos vella da rúa Fernando VI e todas as da rúa Carlos III.

 

Un aspecto actual da Rúa Fernando VI.(San Fernando)

 

 A Rúa Carlos III (San Carlos) na actualidade

  

Os veciños foron trasladados masivamente ó novo barrio de Caranza, e aloxados en vivendas novas, moito mellores, con cuarto de baño, ascensores e sistemas de calefacción individual. Proporcionáronselles novos locais ás entidades deportivas e culturais, Esteiro, Ferrándiz e Armonía, ás que se lles proporcionaron novos locais, mentres que o Ánimas trasladárase antes ás Casas Baratas do barrio de Recimil.

Todas estas entidades sufriron unha importante crise no seu funcionamento, ó seren espallados os seus socios e simpatizantes.

Aquela operación urbanística foi moi criticada polos sociólogos, que denunciaron o desarraigo que significaba sobre todo para aqueles vellos que levaban toda a súa vida vivindo no barrio. Así foi que, nos primeiros anos, produciuse o falecemento de moitas das persoas maiores trasladadas.

  Actualmente, o barrio foi case totalmente reconstruído, con modernos edificios de varias plantas, entre os que salientan pola súa altura as torres das vivendas sociais, que foron as primeiras en se construíren. Despois, unha ordenanza municipal limitou a seis o número de andares das novas construccións, que malia a súa mellor calidade, non encaixan moito na súa aparencia, coas características urbanísticas do centro da cidade, na que abondan as balconadas e galerías.

 

Plano do actual barrio de Esteiro

  

Agás as rúas de Carlos III e Fernando VI, as anteriores desapareceron, substituídas por outras novas, das que salientan a Avenida de Esteiro, que cruza ó longo do barrio; a de Españoleto, que foi prolongada e cruza de través, formando unha liña quebrada de tres tramos; a de San Roque e Ánimas, preto da súa antiga situación, á beira do Hospital (hoxe Universidade); a de San Ramón que foi prolongada ata desembocar na de Fernando VI, e a do Naturista López Seoane.

 

Parte da Avenida de Esteiro. (10)

 

 Un dos tramos da rúa Españoleto

 

 Outro dos tramos da Rúa Españoleto

 

 A rúa Naturista López Seoane

  

A profunda transformación sufrida polo vello barrio alcanzou tamén ó Hospital de Mariña, e todas as súas dependencias, que tras importantes obras foron convertidas en Campus Universitario.

 

Fachada do antigo Hospital, hoxe Universidade

 

Outras obras importantes foron, a construcción dun pavillón polideportivo e a rehabilitación da casa do Patín, que foi destinada a acoller a Biblioteca Universitaria.

 

    O Pavillón polideportivo de Esteiro, nas rúas San Ramón e Änimas

 

 A Casa do Patín, xa rehabilitada

  

Como barrio vencellado desde o seu nacemento ó estaleiro e á Armada Real, a Mariña tivo e ten unha importante presencia na imaxe e na vida cotiá de Esteiro, ocupando boa parte de barrio coas súas construccións, como o Hospital, o Cuartel de Dolores, as vivendas de oficiais primeiro, e as escolas e pavillón deportivo na zona de “Batallones” máis tarde, ademais dun campo de fútbol, no que se celebraron durante moitos anos os partidos da competición local de fútbol afeccionado (clubs modestos).

 

Foto do Cuartel de Dolores

 

 Pavillón deportivo de “Batallones”

 

Mais non só en edificacións e instalacións deportivas se concretou a participación militar, senón que en moitos casos, ademais de facilitar medios para a celebración de actos de todo tipo, algúns oficiais presidían as agrupacións deportivas e artísticas do barrio.

 Na nova estructuración de Esteiro, bótanse en falta infraestructuras como unha Escola Pública Infantil, un Centro Cívico Social, ou unha residencia para Universitarios, que faga máis doada a estancia dos estudiantes, e que poderían ser realizadas en parcelas baleiras e descoidadas que hai no barrio.

 O parque das Angustias e a súa proximidade ó Cantón, compensan un pouco a grande cantidade de asfalto, cemento e formigón.

 

Parque das Angustias

 

Algunhas pequenas prazas contribúen a humanizar o novo aspecto urbano, como a Praza de Concepción Arenal, a de Iglesia Parga, a do Himno Galego e a de San Amaro.

 

Praza de Concepción Arenal

 

 Praza de Iglesia Parga

 

 Praza do Himno Galego

 

 Praza de San Amaro

 

Hai unha pequena zona que foi dedicada á lembranza das catro antigas rúas, preto da Igrexa, onde están representadas, entre magnolias, as de San Pedro, San Sebastián, San Nicolás e San Roque-Animas, cos nomes gravados en placas de bronce, en cadansúa columna frontal.

 

Lembranza das catro rúas

  

Na rúa San Ramón, nun pequeno espacio verde, a Asociación de veciños “Fontelonga” erixiu un sinxelo monumento ás víctimas do atentado terrorista do 11 de Marzo do 2004, como un acto de solidariedade e un berro pola Paz. O monumento consiste nun pequeno monolito cunha placa recordatoria do suceso, e detrás plantouse unha árbore (madroño) que simboliza á Vila de Madrid

 

Monumento ás víctimas do 11 M na prolongación da rúa San Ramón

 

A rúa de San Ramón desde Fernando VI

Parque infantil Antolín López Porta

 

 

Canido

 Segundo os historiadores, o barrio de Canido ten a súa orixe nunha pequena aldea situada na parte máis alta do terreo que hoxe ocupa a cidade, e desde a que se domina a enseada da Malata.

O núcleo de poboación estaba constituído por grupos de pequenas casas, a maioría  dunha soa planta, rodeadas de terras de labor, que traballaban os seus donos e que, cos seus productos, ademais de servir para o consumo propio, abastecían a parte dos habitantes doutras zonas da vila.

A producción agrícola estaba reforzada pola cría de animais, como galiñas, coellos, porcos, ovellas, etc., que completaban unha importante tarefa de aprovisionamento.

 

Placa nunha vella casa da estrada do Raposeiro

 

Posiblemente, esta función productiva – que hoxe xa case non existe - foi a causa de que Canido tardase moitos anos en chegar a un desenrolo urbanístico, que noutras partes da cidade se deron con relativa rapidez. De feito, o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para Canido, foi aprobado hai poucos anos, despois de moitas negociacións cos veciños afectados.

Unha vez aprobado o Plan, comezaron a se edificar grandes bloques de vivendas de oito, dez e ata doce andares, moitas delas promovidas por cooperativas, que lle deron ó barrio un aspecto moi distinto do que antes era, se ben aínda se conservan zonas que resisten heroicamente os ataques do tempo e das pás mecánicas.

Como zonas salientables do Canido antigo, consérvanse: A Praza do Cruceiro, a Praza da “Tahona”,  o “Corral de Chapón” e a Porta de Canido.

A Praza do Cruceiro, que pode ser considerada como o centro do barrio, aínda conserva o seu aspecto de sempre. Nela conflúen as rúas máis importantes, a Rúa Alegre, Insua, Alonso López e Atocha.

 

Praza do Cruceiro

  

A Praza da “Tahona” está a ser remodelada, estando previsto poñer no seu centro a imaxe do Cristo da “Tahona”. Neste punto concorren as rúas de Alonso López, que a atravesa, e as do Muíño do Vento e Estrella.

Praza da “Tahona”

 

O “Corral de Chapón” e unha pequena praza na beira da rúa Alegre, que foi adecentada hai algún tempo polo Concello, pola súa importancia histórica, xa que está a ser  considerada como unha zona emblemática do barrio.

 

Corral de Chapón

  

A Porta de Canido, hoxe convertida nun importante núcleo viario, cunha rotonda no seu centro, está rodeada de edificios de nova construcción, que lle dan un aspecto moi diferente ó que tiña antes.

 

 Porta de Canido

  

Consérvanse tamén as antigas rúas do Muíño do Vento, Atocha, Insua, De Los Santos, Cangrexeiras, Alonso López, Estrella e Alegre que, aínda que presentan moitos cambios, quedaron nelas algúns edificios que se poden salientar pola súa importancia histórica e/ou arquitectónica, sendo a rúa Alegre a que máis cambios sufriu nas súas edificacións.

A rúa Alegre 

 

A grande transformación do barrio afectou decisivamente a zona do antigo cemiterio, hoxe desaparecido, e na que se construíron a igrexa e o instituto (IES) de San Rosendo.

 

Igrexa de San Rosendo

 

Educación Superior Canido, ou máis coñecido como Filial

 

Co tempo, fóronse urbanizando outras rúas, que hai tempo eran corredoiras e nas que se levantaron modernos edificios. Aínda hai algunhas que non teñen nome asignado e que aínda non aparecen no mapa, pero outras conservan a denominación orixinal. Unha destas últimas é a do Dr. Fleming, onde se atopa outra escola, o CEIP  Cruceiro de Canido. 

O CEIP Cruceiro de Canido

  

A urbanización do barrio chegou tamén a rúas como a de Máximo Ramos, a de Barrié de la Maza, a da Banca, a de Ignacio Martell e as máis novas de todas, a do Poeta Pérez Parallé - con novas edificacións de entre oito e dez andares – e a de Manuel Arias (Líli). Poeta o primeiro e deportista o segundo,  ámbolos dous foron nomeados fillos predilectos de Canido polas súas cualidades humanas.

A rúa de Pérez Parallé recibiu o nome dese insigne poeta, nacido no barrio de Canido, e onde residiu na súa xuventude. Xosemaría Pérez Parallé foi premiado en numerosos certames poéticos e está considerado polos críticos, como un dos poetas importantes da posguerra. Sempre ocupado e preocupado pola cultura, participaba en todos aqueles eventos nos que se solicitaba a súa presencia. A tradición musical ferrolá da noite das Pepitas, conta con varias das súas composicións poéticas dedicadas á muller ferrolá. Mais por enriba das súas virtudes literarias salientaba a súa profunda humanidade, que lle valeu o recoñecemento do Concello de Ferrol, sendo nomeado “Fillo Predilecto” da cidade.

 

Rúa Pérez Parallé

  

No caso de Manuel Arias, “Lili”, trátase tamén dunha persoa moi querida non só no seu barrio, senón tamén na cidade, onde era moi coñecido. De carácter bondadoso, solidario, e sempre traballador infatigable ó servicio do barrio, e gran afeccionado o deporte en xeral e ó fútbol en particular, ocupou durante moitos anos a presidencia da “Asociación Cultural e Deportiva Canido”, entidade con moitos anos de actividade – antes en Alonso López e agora e Insua - que aglutinaba á maioría da xente do barrio e da que todos os “fillos de Canido” séntense orgullosos.

 

Rúa de Manuel Arias (Lili)

 

 

Placa da rúa Manuel Arias

 

 Asociación Cultural e Deportiva Canido

  

Durante moitos anos houbo en Canido unha importante empresa, a FENYA, que se adicaba á fabricación de aparatos eléctricos para barcos e que estaba rodeada de altos muros. Hai algúns anos, a empresa mudou de lugar e rematou por desaparecer. A demolición daqueles muros posibilitou a urbanización desa zona, construíndose novos bloques de vivendas e deixando no medio unha bonita praza, que aínda non ten nome.

 

Nova praza nos antigos solares de FENYA

 

A derruba dos muros da FENYA, permite observar grande parte dun notable edificio construído hai moito tempo dentro dunha finca da rúa Alegre, e que era popularmente coñecido como “O Chalé de Canido”.

 

Edificio coñecido como o Chalé de Canido

 

Outra das desaparicións destacables do barrio de Canido foi a dos depósitos da auga, situados nun lateral da rúa Alegre, que durante moitos anos deron servicio a unha parte de la poboación.

Trala súa demolición, quedou un espacio libre que nun principio se habilitou con mobiliario urbano e un pequeno parque infantil. Actualmente está bastante descoidado e non parece que o seu destino estea moi claro, aínda que xa hai quen sospeita dunha posible “operación inmobiliaria”.

 

 

Pequeno parque na zona dos depósitos de auga

  

A prolongación das rúas transversais do barrio de La Magdalena que enlazan con Canido, propiciaron unha zona de maior edificación, construíndose novos edificios con varias plantas, que nalgúns casos, tentaron harmonizar co urbanismo existente no barrio principal da cidade, onde os balcóns e as galerías son características salientables.

Entre varios destos edificios, pódense citar como exemplo, dúas novas construccións na rúa Fleming, preto do cruce coa rúa Concepción Arenal.

 

Un edificio novo na rúa Fleming

 

 

 Outro novo edificio, tamén na rúa Fleming

 

Na maioría dos casos, o concepto de rendibilidade impúxose por riba dos criterios de harmonización urbanística, e se construíron edificios modernistas á beira de antigas construccións cun deseño urbanístico antagónico, como no caso destas dúas construccións na rúa Dr. Fleming, ó final da rúa Sánchez Barcaiztegui.

 

Edificio na esquina das rúas Santos e Dr. Fleming

 

 

 Edificio do Centro de Menores no final da rúa Sánchez Barcaiztegui

  

As novas construccións foron enchendo o espacio baleiro entre La Magdalena e Canido, formando outro núcleo de poboación, que ben podería ser considerado como un novo barrio, situado entrámbolos dous, e establecendo os seus límites de xeito que respectaran os de cada un dos barrios veciños. Este é un traballo que debería realizar axiña o Concello, para unha mellor identificación das zonas da cidade, cousa que actualmente resulta bastante difícil.

 

Plano do barrio de Canido e arredores

  

Outra das vías importantes do barrio é a de Celso Emilio Ferreiro, que une a Praza de Canido (Porta de Canido), coa Estrada Alta do Porto e que, aínda sen urbanizar en moitos tramos, estase a converter nunha interesante zona residencial, con chalés de variada arquitectura, e cun amplo panorama sobre a enseada da Malata.

 

Un tramo da rúa Celso Emilio Ferreiro

 

 Chalés na rúa de Celso Emilio Ferreiro

 

 Outros chalés na mesma zona

  

O antigo lavadoiro restaurado, coa enseada da Malata de fondo

  

Tamén desde o interior do antigo baluarte se pode contemplar unha fermosa panorámica sobre a enseada e o importante complexo deportivo, que co recinto da Feira Internacional de Mostras abarca un amplo espacio.

 

Interior do antigo baluarte defensivo de Canido

  

Aínda sen pertencer a Canido, inclúese o Complexo Deportivo da Malata pola súa proximidade con este senlleiro barrio.

Na dereita está o estadio de fútbol, con piscina, un campo de adestramento e dous de herba artificial; na fronte, unha lagoa artificial para deportes acuáticos.

No centro da imaxe aparece o extenso recinto da Feira Internacional de Mostras, que ó longo do ano acolle diversas actividades relacionadas co mundo do automóbil, do cabalo, da moda feminina das vodas, do viño, ou congresos varios, ademais da propia  feira que se celebra normalmente no mes de xullo.

No fondo da foto están as pistas de tenis, as instalacións para atletismo e o pavillón polideportivo.

 

Unha vista do complexo deportivo

  

Por mor da falta de concreción na división dos barrios, non se pode de momento determinar, se a Casa do Mar,  edificada na Estrada Alta do Porto, pertence a Canido ou a Ferrol Vello, mais en calquera caso, é unha interesante realidade, pola súa moderna arquitectura e o seu significado para as xentes do mar. 

 

A Casa do Mar de Ferrol

 

 

 Chalés na Estrada Alta do Porto

                                                                                                                                            

Ferrol II - A Magdalena

 

Os historiadores coinciden en sinalar que, na primeira metade do século XVIII, o aumento demográfico da vila de Ferrol, alcanzou a máis de 2.000 persoas, que se sumaron ás 900 que xa existían en Ferrol Vello e Esteiro.  

Como as instalacións do novo estaleiro de Esteiro permitían a construcción simultánea de varios barcos, o grande volume de traballo xerado fixo que o aumento de poboación, especialmente de traballadores dos diferentes oficios, continuara na segunda metade do século, de xeito que, ó remate do século XVIII,  Ferrol, convertido xa en Real Vila, era a primeira localidade de Galicia e de toda a cornixa cantábrica, en número de habitantes.

Mais no só chegaron obreiros á cidade que estaba a nacer, senón tamén Autoridades, Oficiais de Mariña, Funcionarios da Administración, Artesáns, Comerciantes e outras xentes acomodadas, que pronto saturaron a capacidade de aloxamento.

Para resolver o problema da chegada de tanta xente, alá contra ano 1751, xa no reinado de Carlos III, xurde o proxecto de construcción dun grande barrio residencial, que serviría como nexo de unión con Ferrol Vello e Esteiro. Trátase do Barrio de A Magdalena (Novo Ferrol), que despois de varias modificacións foi deseñada cunha estructura simetricamente parcelada, formada por módulos de idénticas dimensións, delimitados por seis rúas lonxitudinais paralelas, e outras oito transversais, tamén paralelas entre si e perpendiculares ás primeiras. Dúas amplas prazas cadradas, simetricamente situadas, realzaban a orde e o equilibrio do conxunto.

As edificacións obedecían xa a outro concepto urbanístico, de maior calidade, tanto nos materiais como na amplitude das vivendas, ademais dos servizos e a anchura das rúas, o que supoñía un encarecemento dos alugueres.

Pronto o novo barrio sería ocupado polas xentes acomodadas, establecéndose así unha ríxida segregación, que marcou dun xeito definitivo a vida social da cidade.

 

Debuxo orientador de cando Ferrol era unha pequena aldea

  

O novo asentamento poboacional, chamado A Magdalena - como lembranza dunha vella capela do mesmo nome, que existiu nese lugar aló polo século XV - foi concibido co equipamento necesario, como hospitais, igrexas, fontes, cemiterio e a fortificación que había de defender a cidade pola parte de terra, e que estaba formada por grosos e altos muros con varios baluartes e portas de entrada e saída.

Segundo a documentación existente, o proxecto inicial débese ao enxeñeiro francés Joseph de La Croix, que deseñou o novo barrio en 1751. Este primeiro deseño, que era máis pequeno que o que finalmente se edificou, contiña uns valores arquitectónicos e unhas ideas urbanísticas, de ordenación, racionalidade e funcionalidade, que foron case totalmente respectadas e aproveitadas no proxecto final.

Entre as propostas rexeitadas, estaba a idea de establecer unha única e grande praza no centro do barrio, onde confluirían dúas rúas principais dispostas en cruz. Este espazo que era denominado como Praza Maior, concibíase como un recinto porticado e pechado, posiblemente previsto para a celebración de feiras e mercados.

 Parece ser que, o cambio que se produciu no proxecto dos arsenais, obrigou tamén a modificar o proxecto de A Magdalena, duplicando o primitivo deseño, modificación na que tamén participou o enxeñeiro La Croix, supervisado por el Capitán de Navío Jorge Juan. Finalmente realizouse unha nova modificación, para reducir as dimensións e adaptalas ás necesidades demográficas do momento. Nesta ocasión, Jorge Juan – que foi sen dúbida o impulsor e máximo responsable do proxecto – contou coa axuda do enxeñeiro e arquitecto Julián Sánchez Bort.

Aparecen xa, as dúas prazas simetricamente situadas e un engadido na parte sur/leste, que lle daría ó deseño o aspecto dun L deitado, quedando delimitado o barrio pola súa parte sur, por unha ampla alameda que o separaba dos novos Arsenais.

 

Plano do proxecto rectangular

 Plano do proxecto con forma de “L”

   

A parte rectangular estaba formada por seis rúas lonxitudinais: a rúa da Igrexa, a da Magdalena, a Real, a de Gravina-Dolores-Galiano, a María e a do Sol, todas da mesma lonxitude e que manteñen entre si a mesma distancia. Perpendiculares a elas hai outras oito rúas transversais, que se converteron en dez, coas dúas que pechaban as cabezas., que son: a rúa de San Diego, a rúa do Arce, a de Méndez Núñez, a de Sánchez Barcáiztegui, a de A Coruña (dos Mortos), a de Concepción Arenal (do Hospital), a da Terra, a de Rubalcava, a do Carme, e a rúa de Lugo.

As distancias entre elas tamén son iguais e, en principio todas deberían ter a mesma lonxitude, pero algunhas delas foron alongadas. Esta configuración facía que o deseño do barrio tivera o aspecto dunha “pastilla de chocolate”.

 

Plano actual do barrio

 

Na parte Sur, cara á metade do proxecto, reserváronse dous espazos exteriores, que habían de ser ocupados pola igrexa de San Xiao un, e polo edificio oficial da Contadoría de Mariña, o outro.

A igrexa de San Xiao, hoxe Concatedral, comezouse a construír no 1765, mentres que a Contadoría nunca chego a se realizar. Ese espazo sería posteriormente ocupado polo Teatro Jofre, xa no século XIX.

 

Fachada principal da Igrexa (Concatedral) de San Xiao

 

 

 

Fachada posterior da Igrexa (Concatedral) de San Xiao

 

 O Teatro Jofre

 

A edificación do barrio comezou en 1761, pola parte máis achegada a Ferrol Vello. Segundo avanzaban os traballos, construíronse tamén dúas igrexas, a de Dolores e a do Carmen, a carón das dúas prazas, que nun principio recibiron o mesmo nome que o seu referente urbanístico, aínda que máis tarde foron nomeadas Praza do Marqués de Amboage e Praza do Marqués de Alborán, respectivamente. Esta última volveu cambiar de nome e pasou a chamarse Praza de Churruca e finalmente Praza de Armas.

 

Praza de Dolores ou do Marqués de Amboage

Fachada da Igrexa de Dolores

 Praza do Carmen ou de Armas

Fachada da Igrexa do Carmen

 

Nun principio, as edificacións deberían presentar un aspecto uniforme, axustándose a un modelo de casa xa establecido, mais axiña os construtores comezaron a realizar  os seus proxectos con completa liberdade, coa soa excepción das aliñacións, que foron escrupulosamente respectadas, seguindo as liñas marcadas polas xa trazadas rúas.

 Pódese engadir como curiosidade, que a fila de construccións que había de formar a Rúa do Sol pola parte Norte, non se chegou a edificar como estaba prevista no proxecto, razón pola que non existe a sétima rúa que pecharía A Magdalena por esa parte.

 Parece ser que ao pouco de se comezar a construcción do barrio, comezou tamén a expansión en varias direccións, para enlazar cos outros núcleos urbanos, como Ferrol Vello, Canido ou o asentamento de San Amaro, preto de Esteiro, que estaba comezando a poboarse. Esta expansión rachou en certo modo os límites de A Magdalena para integrala e convertela no corazón da cidade.

 Ao longo do tempo fóronse construíndo no novo barrio, edificios de diferentes características, presentando unha mestura de tendencias arquitectónicas, que van desde a sobriedade  ornamental, con certo desorde nos ocos e a utilización de pezas de cantería para reforzar as esquinas e o interior de portas e ventás, propios dos séculos XVIII e XIX, ata o modernismo do século XX, que resalta a importancia das esquinas no cruce das rúas, e no que os ornamentos e as formas curvas acadan especial protagonismo, dando como resultado edificios de grande beleza e importancia urbanística.

 Segundo os arquitectos, os primeiros edificios que se levantaron no barrio, recollían as tendencias arquitectónicas de mediados do século XVIII. Na primeira planta, destacan os balcóns - individuais ou corridos - protexidos con balaústres de ferro forxado que presentan deseños de grande calidade. A segunda planta queda realzada cos acristalados miradoiros, que se constituirían en sinal de identidade para todo o barrio e para moitas edificacións posteriores fora del.

Algúns edificios con características do século XVIII.

 

 Edificio da Rúa Magdalena nº 130

Edificio da rúa María nº 76

Edificio da rúa María nº 134

 

A principios do século XIX, aparecen pequenos cambios no deseño das fachadas, con balcón central e miradoiros ós lados, na primeira planta, e galerías nas plantas superiores. Nalgúns edificios, a cantaría acada maior protagonismo, facéndose presente en toda a planta baixa.

Algúns edificios con características de principios do século XIX

 Edificios da rúa Magdalena nº  52, 53, 54, 55

 Edificio da rúa María nº 186

 Edificio da rúa María nº 196

  

A finais do XIX aparecen pequenos motivos ornamentais, e nalgunhas fachadas invértese a disposición dos elementos compositivos na primeira planta, pasando o miradoiro ó centro, acompañado de dous balcóns laterais, mais predominando a composición clásica de balcón central con miradoiros ou balcón corrido e as galerías nas plantas superiores. Nalgúns edificios de tres ocos, o baixo foi adicado a establecemento comercial, con ventanal central e dúas portas, para os accesos ao comercio e ós pisos.

Algúns edificios de finais do século XIX.

 

Edificio da rúa Galiano, nº 31-33

 Edificio na rúa Real nº 159

Edificio na rúa Magdalena nº 112

Edificio na rúa Magdalena nº 141

 

A principios do século XX, aparecen edificios moi interesantes que, aínda respectando os elementos característicos – balcóns, miradoiros, galerías – introducen formas curvas e elementos ornamentais de grande importancia. Os miradoiros gañan en protagonismo, sobre todo nas esquinas de cruce de rúas, con formas redondeadas, representando, por si mesmos, un elemento ornamental máis.

Algúns edificios de principios do século XX.

 

 

 Edificio na rúa Dolores nº 64

 Edificio na rúa María nº 172

              

 Edificio na rúa da Iglesia nº 142

 

 Edificio na rúa Real nº 97-99

            

 Edificio na rúa Real nº 193

 

Xa a mediados do século XX, apréciase maior liberdade nas formas, buscando a modernidade, ou a monumentalidade, que ofrece edificios moi distintos pero todos moi interesantes.

Algúns edificios de mediados do século XX.

 

 Edificio na rúa Real nº 195-197

 Edificio na rúa María nº 158

 Edificio rúa da Terra nº 9

 

Por ser un barrio tan antigo e tan amplo, foron moitos os arquitectos que deixaron a súa pegada creadora. De entre todos eles, os entendidos destacan a Rodolfo Ucha Piñeiro, de quen se atopan numerosas construccións de tendencias innovadoras, con atrevida ornamentación, pero sen rachar a harmonía co resto do barrio.

 

 As rúas lonxitudinais.- Aínda que todas elas foron posteriormente alongadas, agás a de Gravina, considéranse como pertencentes ó primitivo barrio de A Magdalena, as que quedan comprendidas entre as rúas de San Diego, no oeste e a de Lugo, no leste.

 Comezando pola parte Sur, atopamos en primeiro lugar a rúa da Igrexa, da que nun principio só se proxectou a construcción dunha das filas de edificios e que, ademais de ser o límite Sur do barrio, co engadido da alameda contigua, ía ser dalgún xeito, un espazo diferenciador - máis tamén integrador – entre o barrio, e os Arsenais da Mariña.

No outro lado da rúa, ademais das edificacións de San Xiao e do Jofre, fóronse levantando outras construccións, entre as que salientan o Goberno Militar (Hoxe Fundación Caixa Galicia), o edificio de Correos e os do Mercado.

 

A rúa da Igrexa, desde a Costa de Mella

 

 Subindo cara ó Norte, a segunda rúa é a Magdalena, que leva o mesmo nome do barrio, en lembranza da antiga capela que houbera por aquela zona.

Como é normal, dado o longo tempo de construcción do barrio, atópanse nesta rúa – e tamén nas outras – edificios de diferentes estilos e tendencias, algúns con trazos orixinarios da arquitectura de mediados do século XVIII, como o do nº 204, pertencente ó “Legado Carbajal” e que está agardando por unha necesaria restauración. Actualmente está ocupado polas instalacións do “Ateneo Ferrolano”.

 

A rúa Magdalena, desde a rúa do Arce, cara ó leste

 

Seguindo cara arriba está a rúa Real, que pasa pola parte baixa das dúas prazas – a de Amboage e a de Armas – e na que se atopan edificios importantes como o do Hotel Suizo e o do Casino,  que abrangan todo o espazo entre esta rúa e a de Dolores.

 

A rúa Real, desde a do Arce, cara ó leste

 

Despois da rúa Real, atópase unha rúa partida en tres tramos, Gravina-Dores-Galiano, que debería ser o eixo central do barrio, segundo o proxecto aprobado. A falta dunha sétima rúa despois da do Sol, fai que  eixo quede desprazado cara ó Norte, mais aínda así pódese considerar como tal eixo, por desembocar os seus tres tramos no centro das dúas prazas.

 

A rúa Gravina-Dolores-Galiano, tres partes dun mesmo trazado.

 

 Rúa Gravina desde a rúa de San Diego

 

  Rúa Dolores desde a Praza de Amboage

 

 Rúa Galiano desde a Praza de Armas

 

A seguinte rúa, sempre cara a Canido, é a María, na que se poden ver interesantes edificios de principios do século XIX, con miradoiros e balcón central no primeiro andar e galerías nas seguintes alturas.

 

A rúa María desde a do Arce, cara ó leste

 

E rematando este grupo de rúas lonxitudinais, chegamos á rúa do Sol, da que só se edificou unha das filas do proxecto, que quedou incompleto nesta parte, e na que se foron levantando novas construccións, xa fora do proxecto da Magdalena. Aínda así, existen algunhas casas interesantes, con balcóns, miradoiros e galerías, nas que os seus construtores, tentaron conservar a tendencia urbanística do barrio.

 

A rúa do Sol, desde a do Arce, cara ó leste

 

As rúas transversais.- No proxecto do barrio, as rúas transversais quedaban comprendidas entre a rúa da Igrexa e a do Sol, nembargante, todas foron prolongadas nunha ou noutra dirección, agás a de San Diego.

Debido á configuración do terreo, todas elas presentan un desnivel máis ou menos importante, quedando a parte máis alta na parte Norte, cara a Canido. Esa diferenza de nivel permite albiscar a ría e os arsenais desde a parte alta.

Comezando desde o leste, que segundo os historiadores foi a parte por onde se comezou a construír o barrio, atopamos:

A rúa San Diego, que nace na Costa de Mella (Rúa da Igrexa) e que foi prolongada ata a rúa de Atocha en Canido.

 

A rúa San Diego desde a parte alta

 

A rúa do Arce, que vai desde a rúa da Igrexa ata a do Sol, pasando polo lateral da praza de Amboage.

 

A rúa do Arce, ollada desde a do Sol

 

A rúa de Méndez Núñez, con edificios importantes nas esquinas, especialmente as da   rúa da Igrexa e a rúa Real e que, na súa prolongación en forma de “L” enlaza coa de Sánchez Barcáiztegui.

 

A rúa de Méndez Núñez, desde a parte alta

 

A rúa de Sánchez Barcáiztegui, con edificios importantes nas esquinas, como nas da rúa da Igrexa, as de Real e Dolores, e a da Rúa María.

 

A rúa de Sánchez Barcáiztegui, desde a parte alta

 

A rúa de A Coruña (antes rúa dos Mortos), que enlaza coa rúa Irmandiños na parte baixa e que foi prolongada na parte alta, ata a rúa Alegre en Canido. Nela atópase o Pazo de Xustiza entre outros edificios importantes que destacan nas esquinas, como os das rúas Igrexa, Magdalena, Dolores, María e Sol.

 

A rúa de A Coruña, desde a parte alta

 

A rúa de Concepción Arenal (antes do Hospital), que na súa prolongación ata a rúa Alegre, perde o paralelismo característico das rúas de A Magdalena, despois da pequena Praza de Sánchez Aguilera. Nela atopábase o Hospital de Caridade, hoxe reconvertido en Centro Cultural Torrente Ballester. Nas esquinas atópanse interesantes edificios como os da rúa da Igrexa, da Magdalena e da rúa Real.

 

A rúa de Concepción Arenal, desde a parte alta

 

A rúa da Terra, que foi prolongada ata a Praza de Canido, pasa polo lateral Oeste da Praza de Armas, atopándose edificios importantes nas súas esquinas, especialmente as da rúa Real.

 

A rúa da Terra, desde a parte alta

 

A rúa Rubalcava, tamén prolongada ata o seu encontro coa antiga rúa da Muralla, hoxe Avenida do Rei, nace na rúa da Igrexa e pasa polo lateral leste da Praza de Armas. Presenta interesantes edificios nas esquinas, dos que se pode destacar o que abranga as dúas rúas, María e Sol.

 

A rúa Rubalcava, desde a parte alta

 

A rúa do Carmen, que foi prolongada pola súa parte baixa ata os cantóns. Conta con algúns edificios interesantes, como o da esquina do Cantón, que queda situado no engadido que lle da forma de “L” ó proxecto do barrio.

 

A rúa do Carmen, desde a rúa do Sol

 

A rúa de Lugo, que era a que pechaba o barrio pola parte leste. Tamén foi prolongada pola súa parte baixa ata os cantóns. Como en todas as demais rúas tamén existen algúns edificios interesantes, especialmente nas esquinas, como o da rúa María.

 

A rúa de Lugo, desde a rúa do Sol

 Xa superada a primeira década do século XXI, cando na industria case todo se resolve por medio de complexos programas de ordenador, segue a causar sorpresa a visión de verdadeiras obras de arte feitas en ferro, polo método da forxa tradicional, froito da habilidade e a inventiva do artista, sen máis axuda que a de un par de martelos, unha zafra ou bigornia e o lume dunha fragua quentando o duro metal. No barrio ferrolán de La Magdalena pódense admirar moitos exemplos de traballos de forxa con moitos anos de antigüidad

Alguns exemplos de rexas e balcóns


          


               

 

        


            

         

       

                  

           

               

              


             

                 


        

 

 

 
 

Copyright © 2007 ferroldondeyonaci. Todos os dereitos reservados