ferroldondeyonaci.es

 Todo sobre Ferrol

     O tempo para Ferrol      Idioma   Contáctanos
 
 

MENÚ

Orixe e evolución

Antigos barrios

Novos barrios

A zona rural

Prazas e Monumentos

Museos y Bibliotecas

Edificios

Tradicións

Deporte

O Futbol
O Racing
O Arsenal
Os Modestos
O Baloncesto
O Ciclismo
O Boxeo
O Atletismo
A Natación
Outros

O Naval

 

 
 
 
 
 

Deporte

 

 O Futbol

Entre os moitos deportes que se practican hoxe en día na nosa cidade, salienta claramente o do balompé, que conta actualmente cun histórico equipo en Segunda División e numerosos equipos de afeccionados, xuvenís, infantís, etc..

 Non está moi claro quen foron os primeiros introductores do fútbol en Ferrol, mais segundo algúns historiadores, que establecen os seus inicios a finais do século XIX, parece ser que ós irmáns Lapique e Ramón Piñeiro, membros de acomodadas familias ferrolás, tiveron moito que ver co nacemento deste deporte na nosa cidade.

O que si parece seguro é que foi na Graña onde a semente futbolística xermolou e que a presencia de numerosos técnicos ingleses que traballaban nos estaleiros e arsenais ferroláns foi decisiva para o progreso do fútbol en Ferrol.

 Xa polos comezos da segunda década do século XX, había na cidade varios equipos de fútbol (Giralda, Alfonso XIII, Ferrol, Arenas, Jaime I, etc.), que habitualmente, organizaban partidos entre eles. Os primeiros partidos xogáronse en campos abertos, na Graña, en Caranza e en “Batallones”, aínda que tamén se utilizaba o campo da estación, ou calquera outro lugar cun mínimo de condicións.

 

O Rácing

Dos moitos equipos de fútbol que houbo e hai en Ferrol, destaca o Rácing, que foi desde a súa fundación, o conxunto representativo da cidade, e que ocasionalmente, acadou un nivel importante nas competicións galegas e españolas.

Segundo algúns historiadores deportivos, a comezos do ano 1917, dous daqueles primeiros conxuntos ferroláns, decidiron unir os seus recursos económicos e humanos, para crear un novo club máis potente, que puidese competir con outros equipos de fora da cidade.

Estes dous equipos foron o “Jaime I” e o “Giralda”, que ó se fusionaren, deron vida ó “Rácing Club”.

Outros historiadores e cronistas deportivos sitúan a aparición do Rácing en 1919, e afirman que non houbo tal fusión, senón un préstamo de xogadores dun ó outro equipo que se producía en ocasións puntuais, o que pode explicar a confusión nas datas. O que si parece claro é que no novo Rácing aparecen unha maioría de xogadores destes dous equipos.

Nembargantes, onde non existe dúbida é na data da legalización do Rácing Club, que se produciu o 10 de Xullo de 1920, día no que o Goberno Civil da Coruña aprobou o regulamento dos racinguistas.

 

Os fundadores do Rácing.-

Foron moitos os xogadores e afeccionados que se agruparon en torno á idea de crear un club máis potente, que fixera posible competir con outros clubs como o Celta, o Deportivo ou o  Pontevedra, que xa tiñan certo prestixio a nivel galego; en calquera caso, parece seguro que a idea partiu de catro homes, catro amigos entusiastas do deporte do balompé que se chamaban Constantino Teijo, Francisco Lorenzo, Alfonso Varela e José Freire. Estes catro afeccionados prepararon e levaron a cabo o nacemento do Rácing Club e formaron parte da primeira  Directiva con Serafín Mejuto, Pedro Regal, e os irmáns Olegario e Manuel Rivas.

Nun principio, o novo club utilizou as camisetas blanquiverdes do Jaime I, mais axiña pasaron ó color verde que xa habería de ser definitivo.

 

Os primeiros racinguistas que vestiron de verde

  Xa desde o seu nacemento, o Rácing amosouse como o equipo máis potente da cidade e os encontros disputados cos demais equipos locais contábanse por trunfos, coa conseguinte perda de interese para os afeccionados.

Xa que logo, fíxose imprescindible unha confrontación con equipos xa consolidados, que desen a verdadeira medida do que o conxunto racinguista podía chegar a realizar; e como primeira proba, pensouse no Deportivo, que era o de maior potencial na cidade herculina, celebrándose o primeiro partido en xuño de 1919 no campo de Caranza que foi cerrado con táboas. Venceron os coruñeses por 5 goles a 1, ante a desilusión de xogadores e afeccionados ferroláns.

 

Parte do Público na inauguración do campo de Caranza, cerrado de madeira

Aquel resultado adverso, non desmoralizou ós ferroláns, que decidiron tentar unha segunda oportunidade. Este segundo encontro celebrouse o domingo seguinte e aínda que volveron gañar os coruñeses por catro goles a dous, a diferencia de xogo xa foi moito menor.

A calidade do xogo dos racinguistas foi mellorando de tal xeito, que en maio de 1921, na inauguración do campo do Inferniño, xa foron quen de vencer por 3 goles a 2, a un potente combinado inglés.

Esta inauguración marcou o inicio dunha nova etapa na historia racinguista, que a partir de entón dispuxo dun amplo recinto amurallado e cunha estupenda tribuna de madeira. Sobre a porta principal había un grande escudo do Rácing, modelado en cemento.

 

Escudo do Rácing sobre o portón do campo do Inferniño

O terreo de xogo do Inferniño non era moi bo, pois encharcábase con facilidade, e ademais tiña unha forte pendente no sentido lonxitudinal que fora corrixido anos despois, cun desmonte de case tres metros.

No Inferniño xogou o Rácing ata o 4 de abril de 1949, data na que se celebrou o derradeiro partido nese campo, que foi contra o Málaga, resultando este gañador por 1 gol a 5. Logo o campo foi arrasado para a construcción dun novo estadio.

Os primeiros partidos da seguinte tempada xogáronse no estadio coruñés de Riazor, ata que por fin, o 4 de decembro de 1949, aínda sen rematar as obras, inaugurouse o novo estadio ferrolán, que levaría o nome de Manolo Rivera en lembranza deste gran xogador. Este primeiro encontro foi o de Rácing – Osasuna, que gañaron os pamplonicas por 3 goles a 4.

 

O gran medio-centro do Rácing, Manolo Rivera

Na historia do Rácing hai dous logros deportivos moi importantes:

O primeiro foi na tempada 1928 – 1929, na que se proclamou por primeira vez Campión Galego, superando a potentes conxuntos como o Celta, o Deportivo, o Eiriña e o Unión Sporting de Vigo. Este conxunto, dirixido polo adestrador catalán José Planas, estaba formado por: Suárez; Manolín, Alejandro; Montero, Rivera, Basterechea; Toralla, Palacios, Bilbao, Silvosa e Gorostiza. Tamén formaban parte do grupo outros xogadores, como Pita e Mondragón, e o mesmo Planas, que  por falta de xogadores, participou en algún partido.

O Rácing rematou aquel campionato sen coñecer a derrota, e con só tres empates, dous ante o Celta e un co Deportivo en Riazor.

Dos encontros celebrados no Inferniño, o máis importante foi o xogado o 4 de decembro de 1928 contra un potente Deportivo, ó que se venceu por 1-0, cun tanto marcado por Palacios.

Esta foi unha memorable tempada para o Rácing, que con esa victoria no derradeiro partido proclamouse campión galego dun xeito brillante.

Como distintivo dese campionato, incorporouse a Cruz de Santiago no escudo do club.

  

Escudo coas fotos dos campións galegos:

Suárez

Manolín, Alejandro, Rivera, Basterechea, Montero,

Toralla, Palacios, Bilbao, Silvosa, Gorostiza.

José Planas

 

O segundo foi na tempada 1938 – 1939, na que o conxunto ferrolán, composto por xogadores de grande calidade, clasificouse para xogar a final da Copa de España. Naquela ocasión, o equipo que xogou en Montjuich a final contra o Sevilla,  estivo formado por: Alberti; Caliche, Moreno; Bertolí, Silvosa, Basterrechea; Lelé, Gallart, Barón, Edelmiro e Portugués. Tamén se desplazou a Barcelona, Leonardo Ares (Yurrita), que en caso de necesidade podería participar tanto de porteiro como de xogador de campo.

 

O equipo finalista da Copa de España, acompañado de Rivera (delegado), Planas (adestrador) e Toralla (Masaxista)

Mais por mor das dificultades económicas nas que sempre se atopou o noso querido Rácing, os reveses deportivos sempre foron moito máis numerosos que os éxitos.

Así, rexistráronse grandes altibaixos na década dos anos 50, que oscilaron entre a boísima tempada de 1951/52 (coa promoción de ascenso a Primeira), a mediocre da 1956/57 e a desilusionante campaña de 1959/60, que comezou coa vitoria no “Trofeo Concepción Arenal” e rematou co descenso a Terceira, categoría na que houbo de loitar durante seis anos, para poder acadar o ansiado retorno á Segunda División.

Ó longo da súa historia, producíronse outros feitos deportivos moi salientables, como varios ascensos de categoría, desde a terceira e desde a Segunda B, a conquista en varias ocasións do Trofeo Concepción Arenal, e un Trofeo Teresa Herrera, no que derrotou ó Celta na final, por tres goles a cero.

 

O equipo vencedor do XXII Teresa Herrera no 29 de xuño de 1967

Aliñación: Zumalave; Pepiño, Arturo, Ocaña; Igartúa, Bernal; Arroyo, Santiago Castro, Sornichero (Juan), Ledo e Varilla.

Desde entón ata hoxe, moito cambiaron as cousas no Rácing. No aspecto deportivo descendeu de categoría en varias ocasións, permanecendo na categoría de Segunda B durante 22 anos. E no aspecto económico, aínda sen as penurias doutros tempos, tampouco a situación actual é demasiado boa. Agora hai un novo estadio na Malata, mais a afección ó fútbol perdeuse en boa parte, e os afeccionados acoden ós partidos en menor número do que fora de desexar, o que se reflicte nas arcas do club e tamén na calor popular que os xogadores necesitan recibir desde as bancadas.

En calquera caso, non hai mal que cen anos dure e o vello Rácing sempre soubo saír das  difíciles situacións nas que se atopou, así que, esperemos que o conxunto verde poida manterse dignamente durante moitos anos na categoría da “División de Prata”, que é a que mellor lle acae, polo seu importante e dilatado historial.

 

Equipo do ascenso a Segunda A en 2006/2007

 

 

 

Escudo actual. (9)

 

Máis información nos libros:

“Recuerdos del viejo Rácing” – (Embora)

“Historia del Rácing de Ferrol” – (Embora)

 

 

O Arsenal

Houbo tamén en Ferrol outro equipo importante, o Arsenal, que se mantivo durante moito tempo como un dos mellores conxuntos galegos na categoría de Terceira División. O Arsenal formouse a partir doutro equipo de terceira, chamado Galicia, que reunía nas súas filas, os xogadores máis destacados dos potentes equipos afeccionados (modestos) da cidade e comarca.

O Galicia fora fundado por varios empregados de “La Constructora”, entre os que se atopaban D. José Couceiro y D. Juan (Juanito) Yáñez. As dificultades económicas do Galicia estiveron a punto de ocasionar a súa desaparición, mais despois de algunhas xestións do seu derradeiro Presidente, D. Argimiro Brañas Pérez, o equipo foi patrocinado pola empresa Bazán, cambiando o nome polo de Arsenal e trocando tamén as colores do seu uniforme, que axiña pasou de camisola branca e calzón negro, ó que xa foi a súa indumentaria definitiva: branco e negro a listas verticais na camisola e calzón branco.

 

O derradeiro equipo do Galicia de Terceira División (1946/47), composto por:

Sebito, Cachaza, Herodes, Pepín, Cobelo , Viñas e Popeye,

Perniche, Cobas, Juanito e Brage

 

O Arsenal comezou a súa andaina na temporada 1947/48, cun equipo composto por xogadores ferroláns, procedentes do Galicia e case todos eles traballadores da Constructora Naval (despois Bazán) e da FENYA. A partir desa data, o equipo nutríase normalmente de traballadores da Empresa, pero non se descartaba a incorporación de xogadores que destacaban nos Modestos locais e incluso, de xogadores racinguistas xoves, que se “fogueaban” na competición de Terceira e veteranos que aportaban a súa experiencia ós noveles. As veces incorporábanse ó equipo rapaces que chegaban a Ferrol para cumprir o Servicio Militar. En moitos casos, o futbolista que chegaba ó Arsenal desde fora atopaba un posto de traballo na Factoría e permanecía nela como un bazanista máis.

  Naqueles tempos, cando non existía a categoría de  2ª B, o grupo galego da Terceira División reunía unha serie de conxuntos de alto nivel, como Turista e Berbés (de Vigo); Betanzos; Arsenal (Ferrol); Juvenil (Coruña); Lemos (Monforte); Lucense (Lugo); Orensana (Ourense); Pontevedra e Santiago.

 Ó longo da súa traxectoria, o conxunto bazanista pasou por distintas etapas futbolísticas, influenciadas pola propia evolución do fútbol e tamén polas circunstancias de Bazán e os obxectivos que se marcaban os responsables do equipo.

Nunha primeira etapa, a maioría dos compoñentes do plantel eran xogadores xa contrastados, procedentes dos Modestos ferroláns ou cedidos polo Rácing, e incluso algún veterano racinguista que remataba no Arsenal a súa etapa futbolística.

Nunha etapa intermedia, o conxunto “arsenalero” adoitaba presentar un certo equilibrio entre xogadores veteranos e rapaces novos, case sempre procedentes dos modestos locais, con algún forasteiro chegado a Ferrol para “facer a mili”.

Por último, a finais dos anos 50 comeza unha etapa de renovación e, xa nos anos 60, o equipo blanquinegro aparece composto por rapaces novos, case todos cunha gran calidade futbolística.

 

Un equipo do Arsenal de 1949/50, cos seguintes xogadores:

Manolo, Chato, Cholo Anca, Paco, Tuco e Pepe Anca,

Lexo, Carlitos, Juanucho, Bañobre, Piño e Nando

 

Aínda que sempre se caracterizou polo seu bo fútbol e a calidade técnica dos seus xogadores, o Arsenal tivo dúas temporadas especialmente brillantes, nas que estivo a punto de acadar o ascenso á Segunda División. Na primeira oportunidade, temporada 1954/55, os “arsenaleros” clasificáronse para participar nunha “liguiña” con Indauchu, Burgos, Langreo, Pontevedra e Europa Delicias de Valladolid, e malia o gran potencial deses conxuntos, estivo moi preto do éxito, escapándoselle o ascenso por só un punto.

 

Un equipo do Arsenal de 1954/55, composto por:

Nando, Alberto, Pepe Anca, Fontela, Tuco e Sánchez,

Alcalde, Juanucho, Malpica, Somozas y Polo

 

Durante a estancia do Rácing na Terceira División, establecíase unha grande competencia entre ámbolos dous equipos cando lles tocaba enfrontarse, empregando todo o seu ardor combativo, especialmente por parte dos arsenaleiros, que adoitaban actuar moi motivados.

Nunha ocasión, o retorno do Rácing a Segunda División dependía da súa victoria nun deses partidos “fratricidas”. Os blanquinegros empregáronse a fondo, de tal xeito, que o trunfo racinguista produciuse a última hora, por mor dun “providencial” penalti, cando o marcador rexistraba un empate a cero goles.

Na década dos cincuenta, rexístrase unha certa inestabilidade na plantel, producida polo  paro da liga local de afeccionados, que non poden superar as dificultades económicas por carecer dun campo cerrado que permitise cobrar a entrada ós espectadores. Os máis veteranos van desaparecendo do equipo por imperativos da idade. Só resisten dous ou tres, entre eles o “incombustible” porteiro Nando, a quen os anos non parecen afectar. Por outra parte, os xoves que accederon a Primeira e Segunda División, son relevados por outros, que aportan o equipo frescura, ilusión e calidade técnica.

A finais dos cincuenta, a incorporación de novos valores e a permanencia dalgúns veteranos, continúa marcando a pauta na vida do conxunto arsenaleiro, producíndose un período de bonanza futbolística, que culmina coa segunda ocasión de ascenso.

 

Un equipo do Arsenal, de finais dos anos cincuenta, con:

Nando, Vilar, Pedro, Carlos, Casitas, José Carlos,Vargas e Sr. Bastida,

Sisolo, Pita, Barros, Mingos e Demetrio

 

Na temporada 1959/60, os blanquinegros clasificáronse de novo para a promoción de ascenso, que nesta ocasión se xogou polo sistema de eliminatorias. Os do Arsenal enfrontáronse primeiro ó Torrelavega, ó que venceron, caendo despois na segunda eliminatoria ante o conxunto asturiano do “Círculo Popular de la Felguera”, por un resultado global de seis a cinco.

A seguinte fotografía, na que reaparece o veterano Perniche, amosa unha das aliñacións que conseguiron o que para este club significaba unha auténtica fazaña.

 

Unha aliñación do Arsenal da temporada 1959/60, na que están:

Vargas, Carlos, Perniche, Casitas, Pedro, Seijas e Nando

Juanocho, Mimo, Barros, Pita e Demetrio

  

Entre os aprendices de Bazán había moitos rapaces que salientaban na práctica do fútbol, e que aproveitaban calquera competición para participar no deporte da súa preferencia. Deste xeito, a mediados dos anos cincuenta, un equipo formado por aprendices, todos menores de 19 anos, participaron no Campionato de Empresas (Educación y Descanso) co nome de Centros de Traballo Ferrol”, clasificándose subcampións provinciais, por detrás do equipo da Empresa cheo de xogadores experimentados, que non foron quen de gañarlle ó “irmán menor”.

 

Equipo de aprendices “Centros de Traballo”

Nieto; Varela, Pernas, Nino; Rego, Vivero; Redondo (E)

Regueira, Eduardo, Ledo, Suso Vara e Fredy.

 

Esta primeira experiencia foi o inicio dunha labor futbolística que pronto habería de dar importantes froitos, pois pouco tempo despois, para suplir a ausencia da liga local do Fútbol Modesto, o Arsenal decide crear a súa propia “canteira” cos aprendices da Empresa, organizando varios equipos xuvenís.

 

 Un dos primeiros equipos xuvenís do Arsenal

Blanco, Pepe Díaz, Caruncho, Santi; Maceiras, Fajardo;

Maneiros, Lolo Vara, Mella, Albela e De los Santos

 

Grazas á aportación desa “canteira”, os técnicos arsenaleiros van acadando a renovación do equipo coa integración no plantel blanquinegro dun grupo de novos valores, posuidores dunha grande clase futbolística.

Ó comezo dos anos sesenta, aparecen bastantes variantes, coa chegada de rapaces moi novos, que se van manter no equipo, durante varias temporadas. É a época da entrada dos Ricoy, Fraguela, Filgueira, Cereijo, Dopico, Pepe Díaz, Lis, Arturo, Rivera...

Na temporada 1964/65, o Rácing e o Compostela que estaban en Terceira, non acadaron o ascenso a Segunda, e xa que logo, o Arsenal foi descendido a Categoría Regional por decisión federativa, por mor do descenso do Ourense a Terceira, que obrigou ese año a descender tres equipos do grupo galego, no canto dos dous habituais. No ano seguinte recuperou a categoría de 3ª, ata a temporada 67/68, na que se produce un novo e definitivo descenso, debido á reestructuración da categoría.

Durante varias temporadas, compite na categoría Regional, entre un grupo de potentes equipos como o Lemos de Monforte, o Alondras e o Turista de Vigo, o Choco de Redondela, o Calvo Sotelo de As pontes, etc., cun plantel de xogadores moi novos do que a seguinte foto pertencente á temporada 1971/72, é un ilustrativo exemplo.

 

Plantel de 1971/72

Dorrio,Fontela,Marcelino,Otero,Piño,Benigno,Cholo,Rivera,Perniche(E),M. Rivera(D)

Sedes, Manolito, Pichi, José María, Pose, García,Pacucho e Ricoy (E. Material).

 

Mais en xuño de 1976, a Dirección de Bazán acorda suprimir as subvencións ó equipo, o que supuña a desaparición do entrañable club, que participaba daquela en Rexional Preferente.

Ante esta situación, a directiva racinguista intenta manter viva a canteira local acollendo ó Arsenal como equipo filial. Deste xeito, conséguese prolongar a vida do conxunto blanquinegro durante dúas temporadas máis, pero as dificultades económicas do primeiro equipo ferrolán provocan a desaparición do equipo arsenaleiro, ó rematar a temporada 1977/78.

A desaparición do Arsenal deixou un oco importante na escada promocional da canteira futbolística ferrolá. Pero deixou tamén unha lembranza inesquecible en todos os que disfrutaron co bo xogo de tantos futbolistas arsenaleiros, que defenderon sempre con grande entusiasmo a camisola blanquinegra.

 

Máis información no libro:

“Bazán y Ferrol” – (Embora)

 

Os Modestos

Despois daqueles equipos de afeccionados de finais do século XIX e primeiros do XX, dos que moitos deles levaban os nomes dos buques de guerra con base en Ferrol (Giralda, Alfonso XIII, Jaime I, ...) xurdiron outros equipos de distinta procedencia no seu nacemento, sendo a Construtora Naval a orixe dalgúns deles.

Entre estes últimos atopábanse dous, que destacaban polas súas denominacións. Eran “O Tiraliñas” e “O Chupatintas”. O primeiro estaba formado principalmente por delineantes da Empresa, mentres o segundo formábano os administrativos. A vida destes dous conxuntos foi moi breve, mais os seus encontros resultaban emocionantes pola grande rivalidade que había entre eles e entre os seus correspondentes seguidores.

Tamén a Mariña de Guerra organizaba cada ano o seu campionato particular, no que participaban os equipos das diferentes Dependencias e os dos barcos máis grandes. Nesas competicións, salientaban os conxuntos de “Capitanía”, “Tercio Norte”, “Arsenal Militar” e “Cuartel de Instrucción”.

 Ó mesmo tempo, foron aparecendo equipos formados nas diferentes zonas da cidade, de xeito que ó rematar a guerra española, xa había en Ferrol un grupo de equipos afeccionados, representativos de case todos os barrios que recibiron o nome de “Modestos”, e dos que aínda algúns sobreviven hoxe.

Os partidos xogados entre estes equipos, celebrábanse case sempre no campo de “Batallones”, no recinto militar do Tercio Norte de Infantería de Mariña, en Esteiro. O campo non estaba cercado e o sistema de cobro consistía en pasar unha toalla para que os espectadores puidesen depositar nela a súa contribución voluntaria, que despois se repartía entre os equipos contendentes. A falta dun campo cercado coa conseguinte precariedade nos ingresos foi o motivo dun plante das competicións a mediados dos anos cincuenta. A suspensión durou catro anos, e despois, os equipos foron reintegrándose ás actividades pouco a pouco.

En ocasións puntuais, como as finais de copa, os encontros xogábanse no campo do Inferniño, con grande afluencia de público. A rivalidade no terreo de xogo reflectíase tamén nas bancadas, e algunha vez, á saída do partido, as diferenzas entre os siareiros  remataban nunha verdadeira batalla campal.

 Os mais antigos destes equipos eran: o Esteiro, o Ferrándiz e o Ánimas, do barrio de Esteiro; o Canido do barrio de Canido; o Portuarios do barrio de Ferrol Vello; o Libunca do barrio de San Xoán; o Galicia de Caranza do barrio de Caranza; o Galiano, da rúa dese nome e o Amboage (do barrio de La Madalena), este último cunha vida máis curta.

Tamén no barrio de “El Pilar” (Casas Baratas) existiron dous equipos de moi escasa presenza temporal: o Hispania, creado pouco antes da suspensión das actividades do fútbol local e refundado en 1959 ó retorno das competicións, e o OAR Olímpico de El Pilar, creado ese mesmo ano. Só una tempada permaneceron en activo estes dous equipos por separado, pois á seguinte, fusionáronse formando o Hispania – OAR Olímpico del Pilar, que tampouco resistiu máis dun par de anos.

Outro dos equipos que se incorporaron coa volta das competicións foi o Bertón, da  zona de Caranza, que aínda hoxe segue en activo e que foi fundado durante a inactividade local, época na  que disputaba partidos con equipos da outra banda da ría.

 Case todos estes equipos tiveron nalgún momento da súa existencia unha época de esplendor, con xogadores de grande calidade, que en moitos casos chegaron a militar non só no Rácing e Arsenal, senón noutros clubs da primeira e segunda división.  Nembargante, se algún equipo se puidese destacar sobre os demais, ese tería que ser o Esteiro, hoxe desaparecido, pero que foi o único que tivo participación en competicións a nivel rexional, proclamándose campión da zona norte nun par de ocasións.

 Durante anos, ó rematar a tempada, organizábanse partidos entre unha selección de modestos e outras seleccións galegas, ou contra o Galicia (despois Arsenal) ou o Rácing, nos que non era raro que a vitoria correspondese ó combinado local, como foi o caso do ano 1944, no que venceron ó potente Galicia de terceira división.

 Outro aspecto do fútbol afeccionado eran as competicións estatais de “Educación y Descanso” nas que participaban equipos de empresas, como Bazán e FENYA, nas que os conxuntos ferroláns acadaban sempre moi boas clasificacións e algunha vez proclamáronse campións.

 Na tempada 2008 - 2009, os equipos sobreviventes eran:

O Ánimas e o Galicia de Caranza, que competían na categoría de 2ª Autonómica, ademais de outro de máis recente creación, o San Pablo, do barrio dese nome en Catabois.

O Canido e o Bertón, que competían na 3ª Autonómica, na que tamén estaban outros equipos locais de máis recente creación, como o Atlético Ferrol, Os Amigos, o Mandiá, o Aspirantes o San Pedro...

 Existen ademais varias competicións das categorías de “Juveniles”, “Cadetes”, “Infantiles”, “Alevines”, nas que participan nenos e nenas que xa desde moi novos vanse exercitando na práctica deste popular deporte, nas súas diferentes modalidades, de fútbol, fútbol sete e fútbol sala.

 

Máis información nos libros:

“Recuerdos del Viejo Rácing” e “Historia do Rácing Club de Ferrol”. (Embora)

“Bazán y Ferrol”. (Embora).

 Galería de fotos

Capitanía

Fenya

Ferrandiz 1961

Final copa 1961

Galicia de Caranza

 

Hispania 1960

Hispania-OAR Olímpico de El Pilar

Libunca 1949-50

Selección de Modestos

 

 

 

Copyright © 2007 ferroldondeyonaci. Todos os dereitos reservados