ferroldondeyonaci.es

 Todo sobre Ferrol

     O tempo para Ferrol      Idioma   Contáctanos
 
 

MENÚ

Orixe e evolución

Antigos barrios

Novos barrios

A zona rural

Prazas e Monumentos

Museos y Bibliotecas

Museos
O Centro Cultural da Armada
Museo Naval e Biblioteca
A Esponav
O Museo Bazán
Museo Galego de Historia Natural
Xornalismus
Museo da Auga

Aula de Ecología Urbana

Edificios

Tradicións

Deporte

O Naval

 

 
 
 
 
 

Museos e Bibliotecas

 

Museos

Para unha cidade pequena como Ferrol, o tema dos museos pódese considerar bastante aceptable, aínda que a súa promoción é bastante deficiente, en relación co material exposto, que en algún deles é da máxima importancia.

 Sendo Ferrol unha cidade cun orixe e cunha tradición tan mariñeira, non podían faltar neste aspecto, mostras máis ou menos importantes, dedicadas á vida no mar e ás actividades que nel se desenvolven, especialmente a construción naval.

 

O Centro Cultural da Armada.-

Hai xa moitos anos, que a Armada tiña instalado en Ferrol un amplo Centro Cultural, composto por  un Museo Naval, dedicado preferentemente ós buques de guerra e á súa historia, cunha exposición de numerosas áncoras de todo tipo no patio do edificio, algunhas armas e maquinaria, numerosas maquetas, aparatos de navegación etc., ademais dun arquivo documental e unha ben fornecida biblioteca.

Este centro de cultura naval, que ten a súa entrada a carón do Cantón, preto da Porta do Dique, veuse aumentado desde o 10 de Marzo de 2008, cunha importante exposición permanente, a Exponav, dedicada á complexa actividade da construción de buques.

 

Entrada ó Centro Cultural da Armada

 

 

O Museo Naval.-

O Museo Naval, é unha exposición permanente que recolle a historia da Mariña de Guerra, coa evolución  dese tipo de buques e dos elementos de navegación e armamento dos mesmos.

 Xa no patio de entrada atopará o visitante unha ampla colección de áncoras de diversas formas e tamaños, algunhas con antigüidade de séculos.

 No interior do edificio, tanto na planta baixa como no primeiro andar, atópase unha nutrida colección de maquetas de diversos tipos de buques, magníficas reproducións de navíos tanto dos antigos como dos modernos.

 A mostra recolle tamén mapas e cartas náuticas, aparellos de navegación, bandeiras de combate, cadros de  persoeiros importantes, armas e uniformes da época, rodas de temón ou gobernalle, aparellos e traxes para os mergulladores, e outras.

 Este Museo está situado nun edificio do recinto da Armada, a carón do Cantón, e pode ser visitado todos os días agás os luns, de 10,30 a 13,30.

Tfno. 981 336 000

 

Exposición de áncoras no patio do museo.

 

Diversos aspectos do material exposto.

 

A  EXPONAV.-

Definida como “A Exposición Nacional da Construción Naval” é un compendio de todo o relacionado coa construción de embarcacións de todo tipo, desde pequenos botes de remos ata veleiros ou grandes buques con diferentes tipos de propulsión.

 Ó longo do percorrido pola exposición, pódese apreciar a importancia da madeira como principal elemento nunha primeira etapa das construcións, e a complexidade e a perfección da ensamblaxe das pezas que lles daría ós grandes navíos a suficiente consistencia para resistir os fortes embates mareiros. Máis tarde, o ferro, o aceiro e o aluminio, substituíron case totalmente á madeira, que xa só foi empregada na construción naval, como material auxiliar ou para ornamentación e moblaxe.

 Nesta exposición, presentada no impresionante marco do edificio de “Herrerías”, o visitante pode contemplar o proceso de construción dun buque, desde a preparación do estaleiro, os diferentes materiais empregados, a grande variedade de ferramentas e utensilios para medir, a evolución dos sistemas de construción e dos propios buques, os procesos de montaxe das estruturas, os diferentes sistemas de propulsión – remos, vela, motor, turbina - ata a botadura ou posta a flote do navío.

Todo iso está documentado con varias exhibicións audiovisuais, que facilitan o seguimento da evolución da construción naval, a través do tempo.

 A Exponav está situada no edificio de Herrerías dentro do recinto da Mariña, a carón do Cantón de Molíns, con acceso pola entrada do Centro Cultural da Armada e pode ser visitada todos os días da semana, agás os luns, en horario de 9,30 a 13,30 os días laborables, e de 10,30 a 13,30 os domingos e festivos. Os prezos son bastante módicos, tendo en conta a calidade da exposición: 2 euros para os adultos, 1 euro para menores de 15 e maiores de 65 anos, e de balde para os menores de 10 anos.

 (Non está permitido facer fotos.) ......tfno. 981 336 017

 

Entrada da Exponav no edificio de Herrerías

 

 Índice temático da exposición

 

O Museo Bazán.-

Existe tamén, dentro da empresa Navantia, unha exposición permanente dedicada a diversos aspectos relacionados coa historia da Bazán.

 

Esta mostra, composta maiormente de fotografías, recolle numerosos actos importantes, tanto de botaduras de grandes buques, como de eventos deportivos, culturais ou relacionados coas actividades dos aprendices, nas intervencións en competicións laborais de carácter estatal ou internacional.

 

Monumento recordatorio de Bazán

 Por mor das restricións impostas por imperativo da Seguridade Industrial, a exposición só pode ser visitada coa autorización dos responsables da seguridade na empresa, aínda que os traballadores actuais e os xubilados, teñen preferencia de acceso.

Tfno.  981 355 933

 

Ademais dos museos relacionados cos barcos, hai outros como:

 

O Museo da Sociedade Galega de Historia Natural.-

O Museo de Historia Natural, é un importante mostrario de esqueletos e restos de animais mariños, terrestres, aves, e coleccións de minerais e plantas. Está situado na rúa Méndez Núñez 11, nun local pouco axeitado e de reducidas dimensións para albergar a gran cantidade de pezas expostas. Atópase actualmente agardando trasladar a súa sé para o lugar coñecido como a casa do Coronel, na porta de Canido. Este edificio, que formaba parte das instalacións do antigo Cuartel de Sánchez Aguilera, está a ser acondicionado para acoller o importante mostrario do Museo.

 Entre as pezas máis importantes de animais mariños pódese salientar un esqueleto de cachalote, unha lura xigante, unha grande tartaruga, unha iguana, varias osamentas de peixes e mamíferos mariños,e outros. Mais tamén as aves e os animas terrestres teñen importante representación nese amplo mostrario, entre eles, un cranio de voitre e unha serpe pitón.

 Un detalle significativo deste museo é o feito de que a súa constitución non foi causa da morte de ningún ser vivo, pois todas as mostras foron conseguidas, recuperadas e nalgún caso restauradas, despois da morte dos animais.

 O horario de visitas é, de luns a venres, de 9´30 a 13´30h. e de 16´30 a 20´30h.

981 352 820........ www.sghn.org

 

Varios aspectos do Museo Galego de Historia Natural

 

Xornalismus.-

Xornalismus é unha exposición permanente dedicada ó xornalismo, que presenta moitos dos antigos aparatos utilizados ó longo do seu historial e numerosos documentos que amosan a evolución do fenómeno xornalístico, desde os primeiros medios utilizados polos linotipistas e tipógrafos, na elaboración de gacetas ou xornais para a información ou transmisión de noticias.

 Asemade móstrase tamén unha interesante colección dos aparatos empregados polos xornalistas, desde as primitivas máquinas de escribir ou magnetófonos ata os ordenadores, impresoras e gravadoras actuais e desde os primeiros aparellos fotográficos, ás sofisticadas cámaras de hoxe.

 Entre a abundante documentación atópanse numerosas cabeceiras galegas de diferentes xornais.

 Non podían faltar neste longo percorrido por este apartado da Historia, varios exemplares de aparatos de radio e teléfonos antigos, que tamén tiveron a súa importancia no ámbito xornalístico.

 Xornalismus está instalado na rúa de Galiano número 31, no local da sé de Diario de Ferrol e pódese visitar de luns a venres, de 10 a 14 h.e de 17 a 20 h. As visitas dos sábados, son de 11 a 14´30 e de 17´30 a 20´30 h.

981 369 900 – 981354 603 ............. www.diariodeferrol.com

 

 Varios aspectos do museo e aparatos alí expostos

 

Aquaciencia- (O Museo da Auga)

Situado no Parque Raiña Sofía, no centro da cidade, Aquaciencia defínese como un xardín temático da Auga.

 A través dun percorrido disposto sobre unha extensión de 5.000 m.cadrados, o xardín didáctico amosa ós visitantes, as variadas funcións da auga e a diversidade de aparatos que a utilizan para o seu funcionamento ou para o aproveitamento do prezado líquido.

 No caso dos aparatos que funcionan con auga, pódense citar como exemplo, o “Reloxo de Auga” de orixe exipcia (clepsidra), o martelo hidráulico, os muíños de auga ou as turbinas dunha central hidroeléctrica.

 No caso dos aparatos empregados para o aproveitamento da auga, pódense ver aquí, entre outras, as noras de pedal e de man, o parafuso de Arquímides, a fonte de Herón ou o cambón.

Un dos maiores atractivos de Aquaciencia é, a posibilidade de participar dun xeito ameno e divertido na utilización dos aparellos, experimentando directamente coa enerxía da auga e os seus principios dinámicos.

981 944 221 – www.ferrol-concello.es/aquaciencia

 

Diversos aspectos da exposición Aquaciencia

 

Aula de Ecoloxía Urbana.-

A Aula de Ecoloxía Urbana é unha exposición permanente que está situada no edificio principal do Parque Raíña Sofía, no centro da cidade.

 No espazo composto polas súas dúas plantas, a mostra permite facer un percorrido polos distintos aspectos da realidade urbana, desenvolvidos a través de tres conceptos concretos: “A cidade como ecosistema”, “A materia e a enerxía na cidade” e “O consumo responsable”.

Na primeira planta, dedicada a “A cidade como ecosistema”, atopámonos de entrada, cunha reprodución de parte da cidade, disposta no chan. Nas paredes e en dous biombos centrais, aparecen os diferentes temas tratados, presentados en grandes paneis con carteis en cores. Neles pódense ver diferentes aspectos de “O medio físico urbano”, “Os efectos das cidades”, “Os habitantes da cidade”, “A poboación e as cidades, e “O camiño da Humanidade”.

En módulos independentes vense “A cidade e o clima”, “A cidade e o ruído”, “A vida na cidade” e, “A vida na casa”.

 Na segunda planta, a información dos paneis refírese a “O lixo das cidades”, “As enerxías renovables”, “O consumo responsable”, “As necesidades das cidades” e, “A importancia da auga”.

 A exposición, compleméntase coa información, itinerarios guiados e oferta de actividades de educación ambiental, ofrecidos polo persoal da aula, ademais dun programa de obradoiros e xogos medioambientais, abertos ó público.  

Como exemplo da importancia didáctica da mostra, pódese citar a simulación mediante medios eléctricos, da influencia das edificacións nas variacións de temperatura e na dirección e intensidade dos ventos, dentro da mesma cidade.

 Agás os luns, a mostra está aberta todos os días do ano, de 10´00 a 14´00h. polas mañás. O horario da tarde é de 16´00 a 18´00h. de outubro a marzo, e de 16´30 a 20´00 h. de abril a setembro.

Tfno.  981 944 222

 

Foto do edificio da Aula de Ecoloxía.

 

Varios aspectos da Aula de Ecoloxía

 

.......ooooooo00000ooooooo.......

 

Ademais das exposicións permanentes nos correspondentes museos, organízanse exposicións puntuais noutros centros, como o Torrente Ballester, o Carballo Calero, a Fundación Caixa Galicia, a Galería Sargadelos o Ateneo Ferrolán, o Toxos e Froles e o Centro cívico de Caranza, nos que tamén se celebran actividades culturais de todo tipo, como conferencias, teatro, cine, presentación de libros e outras.

 Por exemplo, no Centro Cultural Torrente Ballester, situado na rúa Concepción Arenal, no antigo Hospital de Caridade, as conferencias, teatro, presentación de libros e outras, realízanse na antiga capela, mentres que as exposicións puntuais de obras – pintura, escultura – de la autoría de afamados autores, fanse nos locais principais.

Recentemente fíxose unha exposición de obras de pintores ferroláns, como Máximo Ramos, Vicente Díaz, Fernando Álvarez de Sotomayor, Felipe Bello Piñeiro, Jenaro Pérez Villaamil, González Pascual y J. Mª. González Collado.

 Tamén nos barrios se celebran actividades culturais, como exposicións puntuais de diferentes manifestacións artísticas, conferencias, coloquios, charlas informativas e outras, nos locais das numerosas asociacións veciñais.

 
 
 

Copyright © 2007 ferroldondeyonaci. Todos os dereitos reservados