ferroldondeyonaci.es

 Todo sobre Ferrol

     O tempo para Ferrol      Idioma   Contáctanos
 
 

MENÚ

Orixe e evolución

Antigos barrios

Novos barrios

Recimi
Ensanche A
Ensanche B (Ultramar)
Caranza
San Xoán - Bertón
O Rosario
Santa Mariña

A zona rural

Prazas e Monumentos

Museos y Bibliotecas

Edificios

Tradicións

Deporte

O Naval

 

 
 
 
 
 

Novos Barrios

 

Recimil 

         Se entendemos por barrio un núcleo importante de vivendas, Recimil é, dos novos barrios, o máis antigo, xa que os arredores da cidade estaban antes formados por pequenas parroquias, que non tiñan a importancia demográfica e urbanística de hoxe.

            O barrio de Recimil comezou coa construcción dun grupo de algo máis de mil vivendas, as coñecidas como barriada das Casas Baratas, e co tempo foron levantándose outras  vivendas, de promoción pública e privada, así como edificios destinados a institutos e escolas.

            Durante moitos anos, a zona foi coñecida como “As Casas Baratas” ou barrio de El Pilar, polo nome da parroquia e da igrexa, mais a mediados dos anos oitenta, a Asociación de Veciños solicitou ó Concello, a recuperación do topónimo Recimil co que antigamente era nomeada, sendo desde entón coñecida con ese nome.

            Os límites do barrio establecéronse no polígono formado pola Praza de España/Estrada de Castela; a Avenida de Vigo, toda; a Estrada de Caranza/Avenida Esteiro/Rúa Nova de Caranza; e a Avenida de “As Pías”.

 

 Plano do barrio de Recimil 

 

            O barrio está atravesado por dúas amplas avenidas: unha, a de “Ramón y Cajal”, que vai desde a rotonda de “González Llanos” na Avenida de Vigo, ata a rotonda do “Dez de Marzal” preto da Avenida das Pías; a outra, a Avenida Esteiro, de recente construcción, que no seu tramo de Recimil, vai desde a mesma rotonda de “González LLanos” ata a rotonda de Uxío Novoneyra.

 Avenida de Ramón y Cajal

 

 

 Avenida Esteiro no seu tramo de Recimil

 

            Estas dúas avenidas dividen Recimil en tres partes ben diferenciadas.

            A primeira parte abarca as Casas Baratas, o cuartel e vivendas da policía Nacional, as vivendas do Exército, e outras privadas de nova construcción.

            Na segunda, comprendida entre as dúas avenidas, atópanse o Instituto Politécnico “Marqués de Suanzes”, o Instituto “Sofía Casanova”, a Igrexa parroquial de “El Pilar”, unha pista de automodelismo e varias edificacións novas, entre elas a residencia de maiores. 

 

Foto Inst. Politécnico M. De Suanzes 

 

 

 Foto do Inst. Sofía Casanova

 

 

 Igrexa de “El Pilar”

 

 Pista para automodelismo

  

            Na parte restante, construíuse un grande número de vivendas, de promoción pública, privada e cooperativas, a carón doutro grupo escolar, a escola Esteiro, que tamén está dentro dos límites de Recimil, e que foi construído logo da derruba e reconstrucción do vello barrio de Esteiro. Mais non todo o espacio foi ocupado por edificacións, senón que tamén quedou un amplo espacio de zona verde, que leva o nome de “Parque de Pablo Iglesias”

 

Escola Esteiro 

 

 Parque de Pablo Iglesias

  

As  Casas  Baratas

          A Barriada das Casas Baratas do Barrio de Recimil de Ferrol, composta por unhas 1012 vivendas, varios locais comerciais, un mercado de abastos e un grupo escolar, foi construída na década dos anos corenta, sendo inauguradas as primeiras vivendas no ano 1944 e as derradeiras no 1948. Ademais,  incluíuse no proxecto a igrexa de “El Pilar”.  

            O proxecto urbanístico está inspirado nun traballo do Arquitecto don Santiago Rey Pedreira, que gañou un concurso de ideas convocado polo Concello ferrolán nos anos vinte do século pasado.      O “Plan Rey Pedreira” consistía nun conxunto de catro barrios de traza semellante, dos que só se edificou un, respectándose case exactamente o trazado do plan, segundo a documentación que existe nos arquivos do Concello.

            Urbanisticamente, o conxunto responde ás tendencias marcadas por construccións similares realizadas tanto en Europa como en América, destinadas a soluciona-lo grave problema de falta de vivendas ocasionado pola concentración de familias arredor das grandes fábricas que se foron creando en numerosos puntos dos países máis adiantados, por mor da chegada do “maquinismo” e a Revolución Industrial, alá pola fin do século dezanove e primeiros anos do vinte.

            Estas barriadas estaban concibidas como núcleos autosuficientes, polo que eran dotados de mercado, escola e igrexa e un certo número de locais comerciais.

 

Maqueta das Casas Baratas

 

            Nas Casas Baratas de Recimil pódense distinguir dúas agrupacións perfectamente diferenciadas, tanto na formación do conxunto como no tratamento dos materiais:

            A primeira, está constituída por un conxunto de edificios que, formando un triángulo rectángulo, encerran unha espaciosa praza, nomeada Praza de Sevilla, a cal comunícase baixo as casas coas rúas adxacentes, a través de pasadizos rematados por arcos de medio punto; e no caso da Praza de España, a comunicación facíase por medio dunhas fermosas arcadas, hoxe desaparecidas. Denomínase “Grupo I”, e foi o derradeiro que se construíu, rematándose os traballos no ano 1949.

Vista da antiga praza de Sevilla

  

            A segunda agrupación está integrada polos “Grupos II, III e IV”, de idéntico aspecto os tres - agás no número de edificacións - que foron construídos nesa orde, sendo inaugurado o primeiro deles, no verán de 1944. No “Grupo II” está situado o Mercado de Abastos e no “Grupo III” o complexo escolar “Ibáñez Martín”.

 

Mercado de Recimil

 

     Grupo Escolar Ibáñez Martín

 

            Os catro grupos están separados entre si por rúas abertas e perpendiculares á Estrada de Castela. A rúa “Carballo Calero”, entre os grupos I e II; a rúa “Euzkadi” entre os grupos II e III; e a rúa “Álvarez de Sotomayor” entre os grupos III e IV.

            A comunicación entre estas rúas e as interiores dos grupos II, III, e IV, faise tamén baixo as casas, por medio de pasadizos, neste caso de sección  rectangular.

 

Rúa Euzkadi

 

            Malia a irregularidade dos límites - moi ben aproveitados polos deseñadores - apréciase nas construccións unha orde xeométrica e unha organización racional que posibilita unhas inmellorables condicións de ventilación e luz solar,  que  fan desta barriada un conxunto moi interesante desde o punto de vista urbanístico, razón pola que foi incluída no Inventario  do Patrimonio Cultural de Normas Provinciais Complementarias e Subsidiarias de Planeamento, como “conxunto de vivendas que se deben protexer”.

            Tendo en conta estas circunstancias e o seu valor histórico, a Delegación de Ferrol dos Arquitectos de Galicia dedicoulle no ano 2005, o “Día Mundial da Arquitectura”

 

Cartel dos arquitectos

            

            Desde o principio, a barriada estivo considerada como propiedade municipal, o que trouxo como consecuencia un grande abandono no seu mantemento, ocasionándose un progresivo deterioro dos edificios, que foi aproveitado por algúns gobernos municipais para tentar a derruba das vivendas, mentres outras corporacións definíanse pola rehabilitación, apoiándose nas opinións de arquitectos e urbanistas.

            Nos anos 1993 e 1994, procedeuse a unha “reurbanización” na barriada das Casas Baratas, que aínda tiñan algunhas rúas de terra. Os traballos afectaron a cloacas e sumidoiros, rúas e beirarrúas, acometidas de auga, mobiliario e alumeado público, e prazas e xardíns.

            En xeral, a actuación foi bastante beneficiosa, agás na praza de Sevilla, da que desapareceron preto de duascentas roseiras, o parque infantil de tráfico e as fermosas arcadas de comunicación coa praza de España.

 

 

A nova Praza de Sevilla

 

 

 As desaparecidas arcadas

   

            Actualmente, no ano 2008, preténdese remediar o deterioro da barriada cunha rehabilitación integral axeitada, realizada con recursos públicos, que tentan levar a cabo entre a Xunta e o Concello, con algunha aportación da Administración Central.

 

Imaxe dun bloque segundo o proxecto de rehabilitación

 

 

             

EN CONSTRUCCIÓN

 
 

Copyright © 2007 ferroldondeyonaci. Todos os dereitos reservados