ferroldondeyonaci.es

 Todo sobre Ferrol

     O tempo para Ferrol      Idioma   Contáctanos
 
 

MENÚ

Orixe e evolución

Antigos barrios

Novos barrios

A zona rural

Prazas e Monumentos

Museos y Bibliotecas

Edificios

Tradicións

Deporte

O Naval

 

 
 
 
 

 

A construcción naval

 

Cando se fala de Ferrol, a construcción naval é un tema obrigado, xa que esa actividade foi a principal causa do nacemento da cidade.

O destino de Ferrol, como importante cidade marítima e como base naval, foi marcado a finais do século XVI, cando Felipe II decidiu que a ría ferrolá fose utilizada como base da Armada Real. E desde entón, a vida da cidade quedou para sempre ligada á construcción naval, especialmente á de barcos para a Armada Española.

Desde aquela época, a pequena vila mariñeira (Ferrol Vello) foi medrando e, como consecuencia do traslado dos estaleiros e o arsenal desde A Graña ata o interior da ría, a mediados do século XVIII, prodúcense dous importantes feitos: a construcción da barriada obreira (Esteiro) para acoller os traballadores do estaleiro e a edificación dun novo barrio (La Magdalena), destinado a albergar ás familias dos oficiais da mariña, o persoal da Administración, xentes da nobreza, comerciantes e artesáns.

 

O “Estaleiro Real” de Esteiro estaba planificado para construír doce buques ó mesmo tempo, polo tanto, houbo que preparar doce bancadas que foron nomeadas como “os doce apóstolos”.

Como a política marítima da época impoñía a necesidade de moitos barcos, a construcción do estaleiro adiantouse á do arsenal, de xeito que xa comezou a construcción de barcos sen estaren rematadas as instalacións.

Semellante volume de  traballo significaba unha grande afluencia de obreiros, non só para traballar nos barcos, senón para outras actividades directamente relacionadas, como o  transporte de madeira, que era a principal materia prima utilizada, a confección do velame, elaboración de estachas, cordas, etc.

 

Durante aproximadamente un século, a construcción naval sofre varias crises de traballo, dependendo da necesidade de barcos e das posibilidades económicas dos sucesivos gobernos.

A mediados do século XIX, comeza para os estaleiros unha nova etapa, orixinada pola necesidade de construcción de buques axeitados ás novas circunstancias políticas e ás novas tecnoloxías, comezando así unha evolución que xa habería de ser constante e que se iniciou coa construcción dos primeiros barcos de vapor impulsados por rodas. E pronto se utilizaron as hélices nalgunhas das novas fragatas.

Vapor de Rodas “Comercio”, que facía a viaxe entre Coruña e Ferrol 

 

Xa a finais de século, comézase a construcción de buques de ferro, o que suporía rachar case totalmente coa construcción tradicional. O cambio das velas ó vapor, e da madeira ó ferro, prodúcese dun xeito moi rápido, polo que se fixo necesaria a incorporación de novas máquinas e técnicos especializados, que houbo que traer do estranxeiro, maiormente de Inglaterra.

Como é de supoñer, os carpinteiros e calafates perden protagonismo en beneficio dos armadores e remachadores, que son os obreiros máis empregados nesta etapa.

Nalgún momento desta época, o estaleiro cambia de nome e pasa a ser “A Constructora Naval”. Tamén foi nomeada “Consejo Ordenador de las Construcciones Navales Militares S. A.”. E no ano 1947 puxéronlle de nome “Empresa Nacional Bazán”.

 

O Cruceiro (de vapor e ferro) Cardenal Cisneros, botado en Ferrol en 1897 

 

O traslado dos estaleiros non supuxo o cese total das actividades na Graña, pois segundo os historiadores o derradeiro barco de guerra alí construído foi o canoneiro Marqués de la Victoria,  de vapor e de ferro, feito pola empresa “Vila Hermanos”.

 

O canoneiro Marqués de la Victoria, derradeiro barco de guerra feito na Graña

 

 O novo tipo de barcos requiría un sistema axeitado para a reparación e carenado e, xa que logo, decídese a construcción dun dique, que sería deseñado polo enxeñeiro catalán da Mariña D. Andrés Comerma e que, na súa inauguración no ano 1879, foi bautizado co nome de “Dique da Campá”.

Este dique foi considerado como a obra hidráulica máis importante de Galicia, no século XIX. As súas dimensións (145 x 27 x 12 metros) permitían a entrada dos maiores buques daqueles tempos, mentres que dos barcos máis pequenos, podíanse varar tres ou catro xuntos. Ademais, tiña (ten) catro posibles posicións para o barco-porta que pecha a entrada, de xeito que, no caso de barcos medianos ou pequenos, aforrábase tempo e enerxía no achique da auga.

 

Foto do Dique da Campá

  

Nos comezos do século XX segue a evolución, coa construcción de barcos de ferro, cada vez de  maior tamaño.

Os primeiros grandes barcos deste tipo construídos para a Mariña española foron os acoirazados “España”, “Alfonso XIII” e “Jaime I”, que tiñan 132,58 m. de eslora, 24 m. de manga e un puntal de 12,74 m., e que xa utilizarían a propulsión con turbinas. O primeiro da serie foi botado en Ferrol o 5 de febreiro de 1912 e os outros dous nos anos 1913 e 1914.

 Co aumento do volume dos buques, fíxose necesaria a construcción dun novo dique máis grande, que foi localizado preto do anterior e nomeado como “Dique Reina Victoria Eugenia”.  A súa inauguración produciuse en maio de 1913, coa varada do acoirazado España, antes das súas probas de navegación.

 

O Acoirazado España no dique Reina Victoria Eugenia

  

Ademais destes buques de grande porte, constrúense cruceiros, destructores, canoneiros, etc. Entre estes últimos destacan o Canarias e o Baleares, que en xullo de 1930, atopábanse xuntos nas gradas en plena construcción dos seus cascos.

 

Os cascos dos cruceiros Canarias e Baleares nas gradas do estaleiro, en xullo de 1930

 

O primeiro en entrar nas augas da ría ferrolá foi o Canarias, botado o 28 de maio de 1931. Este barco, que deu un extraordinario rendemento á Mariña, sufriu varias reformas importantes no curso da súa longa vida, pois as súas características permitíronlle adaptarse ás novas tecnoloxías e manterse en plena actividade ata pouco antes da súa baixa, producida en 1975.

 

O Canarias a finais dos anos cincuenta, despois da súa derradeira reforma

  

A principios dos anos corenta, a Armada española atopábase nunha situación que non se correspondía coas súas necesidades e o seu prestixio, con poucos buques de categoría, entre os que se contaban o Canarias, Galicia, Cervantes, Cervera, Méndez Núñez, e os canoneiros tipo Pizarro, que malia ter un casco forte e boas condicións de navegabilidade, estaban quedando anticuados.

No programa naval de 1942 o goberno español acordou a construcción de numerosos buques, correspondéndolle a Ferrol nove unidades dos torpedeiros tipo Audaz e outras nove do tipo Oquendo, aínda que destes últimos só se fixeron tres.

 

Seis dos “audaces” nas gradas do estaleiro ferrolán

  

Os “audaces” non deron o resultado esperado, pois tiñan a borda moi baixa e as súas condicións de navegabilidade non eran as apropiadas para as dificultades do mar Atlántico. Por esa razón foron modificados, e modernizados, tratando de aproveitar o seu sistema de propulsión que lle permitía alcanzar unha velocidade de 32 nós, con mar favorable.

Malia o seu escaso rendemento, os “audaces” marcaron o comezo doutra etapa no estaleiro ferrolán, na que se produciron varias innovacións; porque foi a primeira vez que se fixo unha serie de barcos tan numerosa; foi a primeira vez que se fixeron cascos totalmente soldados; foi a primeira vez que se utilizou o aluminio e a soldadura de aluminio nas superestructuras; foi a primeira vez que se instalou un circuíto de desmagnetización anti – minas, e foi a primeira vez que se instalaron modernos equipos electrónicos de radio, radar, sonar e dirección de tiro.

Desde ese momento, os soldadores son os verdadeiros protagonistas da construcción, ata a chegada das máquinas de soldar automáticas, que supuxeron un gran aforro en homes e tempo.

 

O “Audaz” en probas de mar en 1953. (Aínda non tiña montado o armamento)

  

Na década dos anos cincuenta, constrúense seis petroleiros: “Almirante F. Moreno”, Almirante M. Vierna”,  “Puertollano”, “Valmaseda”, “Durango” e “Compostilla”.

Ademais, sen estar rematada a serie dos “audaces”, constrúense tres barcos da serie dos “Oquendo”. Tampouco estes barcos deron o rendemento esperado, pois xa na construcción presentáronse moitos problemas de tipo técnico, tanto nos equipos de propulsión como nos electrónicos, excesivamente pesados e voluminosos.

 

O “Oquendo” nos seus últimos tempos

  

   O pouco rendemento do Oquendo estivo preto de deixar para o desguace os outros dous da serie, o “Roger de Lauria” e o “Marqués de la Ensenada”, que estaban a medio construír; nembargantes, despois de profundos estudios, procedeuse á súa modificación por medio de dous cortes lonxitudinais, paralelos ao eixo do buque, para ampliar a eslora, a manga e o calado, nunha complicada operación de enxeñería naval, realizada en Cartagena, coa que se conseguiu que ámbolos dous buques desen por fin, un rendemento satisfactorio.

 

O “Roger de Lauria”, despois da profunda reforma feita en Cartagena

  

Desde mediados do 58 e ata finais do 69, a actividade do estaleiro redúcese á construcción civil, a algúns pequenos barcos auxiliares e a reformas de modernización de varios buques da Armada. Pero é precisamente a mediados da década dos sesenta, cando a empresa “Bazán” se prepara para un cambio radical, que lle permitiría dar un importante salto no aspecto cualitativo das súas actividades.

Mediante un contrato de cooperación co goberno norteamericano, o goberno español decide a construcción de cinco buques modernos, as fragatas clase DEG, que ían marcar un antes e un despois, na construcción naval militar española, elevando de xeito considerable o prestixio do estaleiro ferrolán, que tivo que ampliar e modernizar as súas instalacións e adestrar os seus traballadores, dos que algúns viaxaron a USA para iniciarse nas novas tecnoloxías.

 

As ampliacións incluíron a construcción dun novo dique máis grande

  

Rematados os preparativos, comezou a construcción das cinco Fragatas, a “Baleares”, “Andalucía”, “Cataluña”, “Asturias” e “Extremadura”, saíndo de grada a primeira delas, en agosto do ano 1970. A segunda e a terceira saíron en 1971 e as dúas últimas en 1972.

Tanto no período de construcción, como no de montaxe e nas probas de navegación e sistemas da Baleares, os traballos foron supervisados por técnicos norteamericanos, que permaneceron en Ferrol ata a entrega do buque á Armada española.

Finalmente, cada un dos cinco buques tivo que viaxar a EE. UU. para pasar outra serie de probas que confirmaron a súa calidade operativa en todos os aspectos.

 

A “Andalucía” navegando nas costas americanas de Florida

  

Debido ó constante proceso de probas, manobras e revisións, non era doado atopar nun porto xuntas estas cinco Fragatas. Nembargantes, houbo algunha ocasión na que se puideron ver atracadas nos peiraos do Arsenal Militar.

 

As cinco Fragatas D.E.G. no Arsenal Militar

  

Despois da seria proba de eficacia que houbo de sufrir o estaleiro coa construcción das fragatas tipo Baleares, semellaba que calquera reto que se presentase en construcción naval militar, podería ser enfrontado sen problemas.

E así sucedéronse novas experiencias, como a construcción das “Corbetas tipo Cazadora”, dos “Gardacostas arxentinos”, do porta - aeronaves “Príncipe de Asturias”, as novas Fragatas tipo “Santa María”, os patrulleiros tipo “Serviola”, o buque de aprovisionamento e combate “Patiño”, o porta aeronaves tailandés “Chakri Naruebet”, os LPD, “Galicia” e “Castilla”, e o derradeiro buque da época Bazán, primeiro da serie das Fragatas clase F- 100, que foi bautizado co nome do insigne mariño Álvaro de Bazán.

A partir do ano 2000, a empresa troca o seu nome polo de IZAR, e fixéronse o resto das Fragatas F-100, e as Fragatas Noruegas...

 

O Porta aeronaves Príncipe de Asturias, que no principio foi R11

  

Agora o estaleiro ferrolán, que xa mudou de nome outra vez, pasando a chamarse Navantia, entrou de cheo nunha etapa de construccións para as Armadas de outros países, tendo previsto un importante contrato co goberno australiano, e competindo con éxito nese difícil mercado, gracias os seus innovadores métodos de construcción modular, á súa avanzada tecnoloxía e á extraordinaria calidade do traballo realizado na súa longa traxectoria.

 Aínda que a principal actividade do estaleiro foi sempre a construcción naval militar, non se poden esquecer outros aspectos importantes, como a construcción de buques mercantes, a fabricación de turbinas e ultimamente a fabricación de aéreo - xeradores para a súa utilización en parques eólicos.

Na época de Bazán construíronse máis de corenta mercantes, entre petroleiros, cargueiros, “Bulk-Carriers”, “OBOs”, etc.

 

O “Castillo de Montearagón”, de 172.000 TPM, construído para ELCANO en 1976

  

Tamén na construcción de turbinas hai un longo recorrido, desde aquelas primeiras que se fixeran para os torpedeiros en 1911 e as do acoirazado España en 1912. E tamén houbo unha data clave nesta actividade do estaleiro ferrolán. Foi en xuño de 1975, cando se entregou a primeira turbina construída en España para unha central nuclear. Tratábase da central de Almaraz (Cáceres) e a turbina era tan grande, que houbo de ser transportada en pezas e montada no seu lugar de destino. A partir de entón, construíronse outras para centrais hidráulicas e nucleares, de España e do estranxeiro.

 Unha turbina en construcción

  

 Sen restarlle méritos ás etapas anteriores e posteriores, é de xustiza recoñecer que a etapa “bazanista” foi a máis destacada nos avances e nos éxitos da construcción naval militar española. A “E. N. Bazán” foi considerada na súa época como empresa modelo, no só polas súas actividades productivas, senón tamén polas súas actividades de tipo social, cultural e deportivo, das que hai que destacar a formación de aprendices, moitos deles premiados nos concursos profesionais, nacionais e internacionais que se celebraban a nivel europeo.

Quede pois aquí como unha homenaxe, a fotografía do monumento que na empresa se dedicou precisamente a esa etapa.

 

Monumento á etapa “bazanista”

 
 

Copyright © 2007 ferroldondeyonaci. Todos os dereitos reservados