ferroldondeyonaci.es

 Todo sobre Ferrol

     O tempo para Ferrol      Idioma   Contáctanos
 
 

MENÚ

Orixe e evolución

Os tempos antigos
O nacemento da vila
O primitivo barrio de Esteiro
O barrio de La Magdalena
O sistema defensivo
O Ferrol da Ilustración
A Porta Nova

Antigos barrios

Novos barrios

A zona rural

Plazas e Monumentos

Museos e Bibliotecas

Edificios

Tradicións

Deporte

O Naval

 

 
 
 
 
 

Orixe e Evolución

 

BREVE HISTORIA DA SÚA ORIXE.

 Os tempos antigos

Conta a Historia, que hai moitos, moitos anos, había na nosa ría varios asentamentos de poboación, colonizados por fenicios, gregos e tamén romanos.

Na marxe esquerda, entre  Mugardos e Fene, atopáronse varios xacementos arqueolóxicos, como o de Noville, ó parecer de orixe romano, que testemuñan a presencia daqueles antigos colonizadores.

Na marxe dereita, establécese a existencia dun asentamento importante, chamado Ardobriga, (ou Ardróbica, ou Adobriga, segundo os historiadores), e na entrada da ría, na praia de Cariño, sitúase un salgadoiro de peixe.

Xa no fondo do saco da ría, nalgún lugar do que hoxe coñecemos por Neda, había outro importante asentamento chamado Libunca.

Ardobriga funcionaba como asentamento militar, ocupado polos colonizadores, para asegurar o tráfico marítimo e controlar á poboación nativa.

Libunca era unha factoría mineira, que producía ouro, ferro e outras materias primas, propiciando un comercio que monopolizaban os colonizadores.

Parece ser que lindando con Ardobriga, había un asentamento de orixe celta, chamado Recimil, que abarcaba parte de Caranza, todo Esteiro e boa parte de Canido. A economía destes primeiros habitantes, baseábase principalmente no comercio cos colonizadores, ademais doutras actividades, realizadas de xeito rudimentario, como a pesca, o marisqueo e algo de agricultura.

O nacemento da vila

Durante moitos séculos, prodúcese unha lenta evolución destes asentamentos, algúns desaparecen e outros consolídanse, de xeito que, xa no século XIII, hai noticias da existencia dunha poboación de certa importancia, situada na zona denominada hoxe como Ferrol Vello - onde existira con anterioridade un antigo castro - e defendida por unha forte muralla, que deixaba fora a maior parte de Recimil.

Este núcleo poboacional, que segundo varios historiadores había de ser a orixe da futura cidade, ocupaba toda a faixa marítima do Oeste do territorio, cunha interesante disposición urbanística que un voraz incendio estragou en 1568, destruíndo a maior parte dos edificios.

Por aqueles tempos, comezaba a acadar importancia o porto de Ferrol, que era esporadicamente utilizado pola Armada Española, e que algúns historiadores cualificaban como un dos portos máis abrigados e seguros do mundo. Por esa razón, a finais do século XVI, Felipe II decide que sexa utilizada a ría de Ferrol como base para a armada real.

(Entrada da ría, dende mar aberto)


   Na historia de Ferrol hai un feito importante que había de decidir toda a súa vida futura: A comezos do século XVIII, efectúase a división das costas españolas en tres Departamentos;  Ferrol é nomeada Capital do Departamento Marítimo do Norte, e Felipe V ordena establecer o Real Arsenal e Estaleiro na pequena aldea da Graña, situada preto da entrada da ría, na súa marxe dereita, onde comezaron a construírse os primeiros navíos. Máis tarde, Fernando VI decide a ampliación daquelas instalacións co emprazamento dun grande estaleiro, adicado case exclusivamente á construcción de barcos para a Armada elixindo como lugar máis axeitado, o monte de Esteiro, máis dentro da ría, na vila de Ferrol.

 Para salientar a importancia estratéxica que naquela época acadaba á nosa ría, pódese incluír como dato anecdótico, un comentario atribuído a William Pitt, primeiro ministro inglés de finais do século XVIII, que segundo algún historiador dixo aquilo de: “Se Inglaterra tivese un porto como o de Ferrol, poñería ó seu arredor un muro de prata”.

Fose verdadeiro ou non ese comentario, a importancia estratéxica do porto ferrolán quedou demostrada co ataque dos ingleses a Ferrol, a finais de agosto do ano 1800. Parece ser que a intención era destruír a flota e as instalacións navais e apoderarse de armas, municións e demais cousas que atopasen. O desembarco efectuouse na praia de Doniños, e durante os día 26 e 27 sucedéronse duros combates que foron coñecidos como “a batalla de Brión”. Finalmente os ingleses retiráronse sen conquerir o seu obxectivo, sabedores de que as baixas non ían compensar o botín de guerra.

O Clube de Montaña Ferrol, que rescatou a batalla do esquecemento, organiza todos os anos por esas datas, unha andaina por terras de Brión e unha sinxela recreación da loita, para lembrar este feito histórico.

Don Ramón Otero Pedrayo describía así as circunstancias da Batalla de Brión:

“En 1800, estando a Plaza de Ferrol desgornecida, unha escuadra inglesa de 109 buques, mandada por Warren e Putney, desembarcou na Praia de Doniños un corpo de 13.000 homes ao mando de Abercombrie, coa intención de tomar o Castelo de San Felipe e franquear o porto á súa flota. O castelo resistiu, e as poucas forzas con milicias paisanas dirixidas polo conde de Donadio, derrotaron aos ingleses nas alturas de Brión, sobre La Graña, o día 26 de agosto, obligándoas a reembarcar.”

 

O primitivo barrio de Esteiro

As novas instalacións permitían a construcción simultánea de varios barcos, e xa que logo, o grande volume de traballo xerado trouxo á vila numerosos obreiros, facendo necesaria a construcción dun novo núcleo poboacional, que foi o chamado Barrio de Esteiro, edificado a toda présa, con moitas deficiencias, pero xa con certo sentido urbanista, con longas rúas paralelas e outras transversais.

Os historiadores coinciden en que o aumento demográfico da vila, na primeira metade do século XVIII alcanzou a máis de 2.000 persoas, que se sumaron ás 900 existentes.

O aumento de poboación continuará na segunda metade, se ben dun xeito máis moderado, de maneira que ó remate do século Ferrol, convertido xa en Real Vila, era a primeira localidade de Galicia e de toda a cornixa cantábrica, en número de habitantes.

Mais no só chegaron obreiros á incipiente cidade, senón tamén Autoridades, Oficiais de Mariña, Funcionarios da Administración, Artesáns, Comerciantes e outras xentes acomodadas, que pronto saturaron a capacidade de aloxamento.

(Antiga imagen do barrio de Esteiro)

  

O barrio de La Magdalena

Para resolver o problema da chegada de tanta xente, alá contra ano 1761, xa no reinado de Carlos III, xurde o proxecto de construcción dun grande barrio residencial, que serviría como nexo de unión entre Ferrol Vello e Esteiro. Trátase do Barrio de La Magdalena (Novo Ferrol), que comeza a se construír polo 1771, cunha estructura simetricamente parcelada, formada por módulos de idénticas dimensións, delimitados por seis rúas lonxitudinais paralelas, e outras oito transversais, tamén paralelas entre si e perpendiculares ás primeiras. Dúas amplas prazas cadradas, simetricamente situadas, realzan a orde e o equilibrio do conxunto.

As edificacións obedecían xa a outro concepto urbanístico, de maior calidade, tanto nos materiais como na amplitude das vivendas, os servicios e a anchura das rúas, o que supoñía un encarecemento dos alugueres.

Pronto o novo barrio sería ocupado polas xentes acomodadas, establecéndose así unha ríxida segregación, que marcou dun xeito definitivo a vida social da cidade.

 

(Plano da antiga cidade)

 

O sistema defensivo

Poucos anos despois, no 1769, empréndese a fortificación da cidade, construíndose un groso muro defensivo que a rodeaba toda e que, pola parte de terra, estaba reforzado con varios baluartes. Tiña tres portas de acceso desde o mar que eran,  Fontelonga e San Fernando na parte de Esteiro, e Curuxeiras en Ferrol Vello. Pola parte de terra había en principio dúas, a de Caranza e a de Canido situadas en ambos extremos dunha rúa interior que foi chamada Rúa da Muralla, hoxe avenida de Vigo no seu tramo sur, e Avenida do Rei a que sube cara a Canido.

  Para mellorar a defensa por mar, decídese a reforma e ampliación  dos castelos-baluarte de San Felipe, na marxe dereita, e de La Palma na ribeira esquerda - que foran construídos a finais do século XVI como parte da fortificación da entrada da ría -  engadindo algunhas baterías de potentes canóns a cada banda.

 

(Entre castelos)

 

O Ferrol da Ilustración

Os historiadores definen a Ilustración, (no seu concepto cultural), como o movemento filosófico desenvolvido en Europa - desde finais do século XVII ata case a metade do século XIX – que trataba de establecer o predominio da razón como base de todas as actividades humanas.

Nese período prodúcese un profundo cambio na concepción dos sistemas sociais, impulsado polos eminentes pensadores daqueles tempos. É unha época de reformas que afectaban non só ás ciencias, ás letras e ás artes, á ética, á política e á relixión, senón tamén á industria, ó comercio, á agricultura, á gandería, á pesca e á utilización racional do territorio. Trátase tamén de equiparar en importancia os oficios coas artes e créanse escolas de “artes e oficios”, nun claro intento de dignificación do traballo manual.

A influenza da Ilustración chegou tamén a España e a Galicia, e aínda que  non acadou a mesma intensidade que noutros países, no caso de Ferrol - que se estaba a construír naquela época - foi determinante da harmoniosa morfoloxía urbana dos barrios de Esteiro e La Magdalena e da impronta monumental das importantes fortificacións e construccións militares.

 (Vista da rua Real)

A benéfica influenza do movemento ilustrativo no eido cultural, non tivo repercusión no aspecto socio-económico, sempre dependente das asignacións reais, que se producían dun xeito bastante irregular.

Para un núcleo de poboación no que os investimentos gubernamentais era case a única posibilidade de ingresos, os atrasos na paga dos salarios significaban un grave problema, que non só afectaban ós traballadores e ós militares, senón tamén ós comerciantes e artesáns que vivían das compras de todos os asalariados.

As crises económicas sucedíanse con relativa frecuencia, o que provocou a saída de moita xente, que buscaba noutra parte a solución ós seus problemas, de xeito que entre finais do XVIII e mediados do XIX, a cidade perdeu preto de 16.000 habitantes.

Loxicamente, os problemas económicos provocaban a conflictividade social, sucedéndose as protestas, os tumultos e as revoltas, como unha premonición do futuro da vida da nosa cidade. 

 

A Porta Nova

A principios do século XIX, prodúcese a apertura dunha terceira porta no muro defensivo da parte de terra, situada nun punto equidistante das outras dúas. Chamáronlle a Porta Nova e con ela iniciouse a construcción da Estrada de Castela, para facilitar a comunicación da cidade co interior do país, establecendo outra posibilidade de abastecemento e comercio, ata entón realizados case exclusivamente pola vía marítima.

Na segunda metade do século XIX a industria naval experimenta un novo impulso, coa construcción dos primeiros buques a vapor propulsados por grandes rodas, que pronto cambiarán polo sistema de hélice. E xa a finais de século, comezan a construírse os buques de chapa de ferro.

Tamén por ese tempo constrúese o primeiro dique, que ademais de ser unha importante obra hidráulica, representa a posibilidade de un aumento na carga de traballo, polas reparacións e carenados dos buques en servicio.

De novo, o abondoso traballo no estaleiro propicia un novo aumento de poboación, que fai necesaria a ampliación da cidade, para o que se decide o derribo do muro na súa parte máis oriental.

Hoxe só se conservan restos dos baluartes de Canido e San Xoán, e a porta de Fontelonga, que foi esplendidamente restaurada.

 (Baluarte de Canido)

(Baluarte de San Xoán)

(Fontelonga subida)

(Fontelonga arco principal)

 

  

Algúns dos libros que aportan maior información:

 Historia de Ferrol (Embora)

Así se fixo Ferrol (Embora).

Ferrol e a Graña en 1752 (Embora)

Una sociedad en cambio (Embora).

Ferrol en la Historia Marítima (Diario de Ferrol).

Ferrol Cidade da Ilustración (Ateneo Ferrolán).

El desembarco de Doniños en la documentación británica. (Embora)

 
 

Copyright © 2007 ferroldondeyonaci. Todos os dereitos reservados