ferroldondeyonaci.es

 Todo sobre Ferrol

     O tempo para Ferrol      Idioma   Contáctanos
 
 

MENÚ

Orixe e evolución

Antigos barrios

Novos barrios

A zona rural

Prazas e Monumentos

Introducción
A Praza Vella
A Praza de Amboage
A Praza de San Amaro
A Praza de Sevilla
A Praza de Armas
A Praza de España
 O Parque

Museos e Bibliotecas

Edificios

Tradicións

Deporte

O Naval

 

 
 
 
 

 

Prazas e Monumentos

 

Introducción

 Existen en Ferrol un bo número de prazas e monumentos que lle dan un aspecto característico e que, no sentir de moitos cidadáns, son definitorios das grandes diferencias  de todo tipo que existiron na cidade e que co paso do tempo parece que se van atenuando.

Algúns destes monumentos e mesmo as prazas, gozan do aprecio popular, aínda que  con certos retoques, poderían gañar moito en canto a importancia e beleza estética.

 

A Praza Vella

Pódese considerar como a praza máis antiga da cidade. A súa amplitude foi reducida polas edificacións do Arsenal Militar.

Desde sempre, a Praza Vella foi algo así como “la cenicienta” das prazas ferrolás. Descoidada e esquecida por case todos os gobernos municipais. E nembargantes, posúe unha serie de cualidades que están a agardar a dedicación dun urbanista que saiba darlle o tratamento axeitado as súas condicións e importancia.

Unha solución podería ser a elevación do seu nivel ata a altura da estrada, para integrala dalgunha maneira coa pequena praza situada na entrada principal do Arsenal Militar Un parque infantil modernizado, mobiliario urbano acorde co espacio e o axardinamento correspondente, daríanlle un mellor aspecto.

Tampouco estaría mal poñer nun recuncho da praza un monumento adicado á xente do mar. Ós pescadores, ás peixeiras, etc. Ben merecido o teñen.

O principal problema sería a estrada que divide ámbolos dous espacios, mais coido que os urbanistas e os arquitectos poderían buscarlle unha solución axeitada.

 

A Praza Vella

 

           

 

A Praza de Amboage

É unha das dúas prazas xemelgas deseñadas no centro da Cidade, e a que mellor representa a función para a que foron concibidas.

Esta praza vense utilizando dunha maneira xeral, para a celebración de diversos actos culturais e deportivos, malia a incomodidade que supón a presencia do monumento ó Marqués, no centro do espacio libre.

Hai tempo que esta praza debería ser remodelada para un mellor aproveitamento das súas interesantes posibilidades.

Unha delas podería ser a construcción dun aparcadoiro subterráneo, cun amplo número de prazas reservadas para os residentes da zona, co obxectivo de incentivar a ocupación dos moitos pisos baleiros no centro da cidade, dos que foxen os posibles habitantes, por non ter a posibilidade de estacionar o seu coche.

Esta posibilidade xa foi insinuada por algún goberno municipal, pero atopou unha forte oposición que non se entende moi ben, pois podería facerse unha actuación que fose radicalmente respectuosa coas árbores e co entorno da praza. Os adiantos técnicos actuais en materia de construcción poden garantir este aspecto.

Por outra banda, a eliminación da “Cruz dos Caídos”, (que a estas alturas da Historia, xa non ten razón de existir), e o traslado da estatua do Marqués ó ángulo ocupado actualmente por aquela Cruz, permitiría un mellor aproveitamento da superficie que, no seu centro, debería manterse libre de calquera cousa que puidera estorbar.

En calquera caso, se non se quere mover a estatua, tampouco faría falta desfacer a Cruz. Bastaría cambiar o seu significado, dedicándoa a todos os mortos nunha estúpida guerra fratricida. Porque todos os mortos son nosos, e recuperar a memoria significa tamén, non esquecer que houbo esa guerra.

A estatua do Marqués

A Cruz dos Caídos

 

 A Praza de San Amaro

Esta Praza, é un verdadeiro exemplo “antiurbanístico”, que naceu pola iniciativa da empresa encargada da urbanización do barrio de Esteiro que, trala derruba das vellas casas, aproveitou a ineptitude e o papanatismo do Goberno Municipal daquela época, para depositar alí moitas toneladas de terra sobrantes, aforrando así os cartos dun custoso transporte.

O muro edificado para conter tanta terra, impide a visión da propia praza e anula a perspectiva panorámica das vivendas das plantas baixas das rúas adxacentes.

Por outra banda, o monumento instalado na punta da Praza, ademais de non ter nada que ver con Ferrol e a súa Historia, foi obxecto desde o principio, do rexeitamento veciñal. Nembargantes, aqueles políticos municipais admitírono, porque lles dixeron que era “escultura de vangarda”.

Popularmente coñécese esta Praza polo nome de “Praza do Pelouro”,

A mellor solución que se lle podería dar - desde o noso punto de vista - sería rebaixar a altura da Praza, repartindo o desnivel en dúas partes: escaleiras de baixada na parte alta, hasta un  metro e medio más abaixo do nivel da rúa, e facer unha superficie horizontal do espacio libre. Deste xeito, ademais de se poder utilizar as escaleiras como bancadas para calquera evento a celebrar na praza,  permitiríase a visión case total das rúas laterais, quedando a parte baixa aproximadamente a un metro de altura, rematando cunha forma redondeada, para lle quitar ese desagradable aspecto de perigo e agresividade. Porque si o que se pretendeu foi representar a proa dun barco, - ¡que teima cos barcos, señor! - o intento fracasou rotundamente.

En relación coa “escultura de vangarda” o mellor sería retirala, ou baixala a nivel da rúa, incrustada na parte final da Praza, para evitar o posible perigo da súa caída.

 

Plaza de San Amaro

 A Praza de Sevilla

Houbo un tempo no que a Praza de Sevilla era a máis fermosa da cidade. Nembargantes, a actuación que se levou a efecto cando a reurbanización da barriada das Casa Baratas, eliminou a pista infantil de tráfico e unha parte importante dos xardíns.

O parque infantil hai pouco tempo que foi remodelado, e quedou bastante ben, pero desaproveitando moito espacio. Toda esa zona adicada ós xogos dos pequenos debería estar protexida cun cerramento de baixa altura que, sen supoñer perigo para os rapaces, impedise a entrada dos cans. Habería que recortarlle a punta do espacio actual, á altura do paso aberto pola xente ou pavimentar ese paso con lousas.

A pista polideportiva necesita unha renovación do seu solo, que na actualidade está bastante deteriorado; habería que instalar un pavimento máis axeitado para a práctica deportiva, no que unha eventual caída dos xogadores non representase o perigo actual. E prohibir terminantemente o uso da pista para outras actividades que non sexan as deportivas.

No paseo perimétrico, poderíase delimitar un “carril - bici”, para separa-los paseantes dos picariños que circulan nas súas bicicletas.

O triángulo sur da praza necesita unha actuación que lle proporcione unha utilidade que agora non ten, principiando por nivelar o piso, que está bastante inclinado. Nunha ocasión puxeron alí unha mesa de tenis, que foi utilizada durante algún tempo, pero que se deteriorou e non se volveu a reparar. De todos xeitos, hai que buscar actividades que non necesiten medios adicionais para a práctica das actividades de tipo deportivo. Por exemplo, poderíanse instalar aparatos de ximnasia para rapaces, que non necesitan máis medios que a propia afección. Un “potro”, barras paralelas, anelas, barra fixa, etc. Non serían moi custosas, terían poucos gastos de mantemento e poderían servir de entretemento para que gasten o exceso de enerxía, aqueles rapaces que xa pasaron dos xogos de balancíns e tobogáns.

O círculo central podería ser equipado con cestas de basquet fixas, que son menos perigosas e ocupan menos espacio.

O nome da Praza foi adoptado polos rapaces que alí xogaban, cando aínda era un espacio de terra sen urbanizar. Entre eles había un andaluz, coñecido polo nome de “Sevilla”, que botaba o día xogando na praza e destacaba pola súa simpatía e habilidade nos xogos, o que fixo que os demais adxudicasen á praza o nome daquel “Sevilla”, nome que despois fixo oficial o Concello.

Cando se urbanizou a praza por primeira vez, tratouse de darlle algunha referencia de identidade coa cidade andaluza, plantándose nos seus xardíns máis de duascentas roseiras, que eran un verdadeiro regalo para os ollos.

Desgraciadamente, coa reurbanización da praza no ano 1996, o Concello impuxo un criterio de austeridade no mantemento dos xardíns desta praza, arrasando as roseiras, moitos metros do cerramento de mirto e algunhas das moitas árbores que había. Aínda así quedaron varios cedros, moreiras, camelias e palmeiras, que fan da zona un atractivo lugar.

Para recuperar un pouco a identidade coa cidade andaluza, poderíase instalar nalgún lugar dos xardíns da praza, unha pequena reproducción da famosa “Giralda”.

 

Antiga Praza de Sevilla con os Arcos ao fondo

 

A Praza de Sevilla Agora

 

 A Praza de Armas

É unha das dúas prazas xemelgas deseñadas no barrio de A Magdalena, e que na opinión de algúns arquitectos e urbanistas, foi moi prexudicada pola edificación da Casa do Concello, que ocupou preto da súa metade, quedando moi mermada a súa superficie.

Hai moitos anos, esta praza era un amplo espacio cadrado, comprendido entre as rúas Real, Rubalcaba, María e Terra. O desnivel existente entre as rúas María e Real, salvábase con escaleiras de acceso para baixar desde a rúa María e subir desde a rúa Real. No centro da praza había un grande obelisco adicado á memoria de Cosme Damián Churruca, insigne mariño, matemático e cartógrafo, heroe da batalla de Trafalgar, que fora formado na Academia Naval de Ferrol.

Antiga Praza de Armas co Obelisco no centro

Na base do obelisco había unha fonte de catro canos, na que se abastecía de auga a poboación de A Magdalena. Cando se fixo o novo edificio do Concello, o obelisco foi trasladado para os xardíns de Herrera, a onde foron levadas tamén as balaustradas e reixas que estaban situadas no cantón, diante da anterior Casa do Concello.

 

Vista parcial da Antiga Praza de Armas coa rúa María no fondo

Despois da construcción do novo Concello, fíxose un aparcamento subterráneo baixo a praza, con entrada pola rúa Real e se aproveitou a fronte desa rúa, para instalar varios establecementos comerciais baixo o solo da praza.

Aspecto da Praza de Armas co edificio do Concello

Por mor de algúns fallos na construcción do solo, producíronse filtracións da auga da chuvia, que afectaron ós comercios, facéndose necesaria unha actuación urxente para solventar o problema, mais as diverxencias entre os grupos políticos que se foron alternando no goberno municipal, foron atrasando unhas obras que agora, case rematada a primeira década do século XXI, xa son indispensables.

Entre as posibles solucións, hai quen opina que o mellor sería demoler o edificio do Concello e recuperar o aspecto primitivo da praza. Esta solución, ademais dun enorme custo, ten o inconveniente de atopar un lugar céntrico, axeitado para o novo edificio, sen estragar outra praza ou espacio público semellante.

Hai quen admite como boa a ampliación do aparcamento, con unha ou dúas plantas máis, renovando o piso da praza e mantendo a zona comercial.

Outros máis, rexeitan a zona comercial, aínda que admiten a ampliación do aparcamento, cun tratamento axeitado para a superficie.

Por outra parte, tendo en conta que o retorno da praza ó seu estado primitivo non parece unha solución moi doada, poderíase estudiar unha idea nova, consistente en elevar o piso da praza unha altura suficiente ( aproximadamente un metro) para nivelar o teito do aparcamento coa rúa Real e aproveitar o amplo espacio que quedaría entrambas placas, para albergar varias das dependencias municipais que agora non teñen cabida no edificio principal.

A fronte poderíase pechar cunha reproducción da parte baixa da fachada do edificio do Concello nunha escala apropiada, que sería determinada polos técnicos.

O acceso á praza quedaría con catro entradas: dúas desde a rúa Real, unha a cada lado da praza, simétricas coas actuais na fronte do Concello; e das outras dúas, unha fronte á rúa Galiano, e a outra fronte a rúa Dolores, ámbalas dúas, con dobre acceso cunha pequena rampa e tres ou catro chanzos de escaleira, tendo en conta que haberá que deixar un espazo onde corresponda para a entrada e saída do aparcamento.

Proposta de actuación sobre a Praza de Armas

Malia as deficiencias da montaxe fotográfica, pódese observar con bastante claridade o que sería o novo aspecto da praza, que admitiría variedade de tratamentos na súa superficie, ademais de gañar un espacio importante cara á rúa Real e desaparecendo tamén, catro ou cinco dos chanzos da escaleira de acceso ó edificio do Concello.

Independentemente de que a idea poida ser considerada como atinada ou non, esta actuación non parece presentar dificultades técnicas que os arquitectos non poidan superar doadamente.

 

Posible fachada da praza de Armas na rúa Real

 

 

 

 
 

Copyright © 2007 ferroldondeyonaci. Todos os dereitos reservados