ferroldondeyonaci.es

 Todo sobre Ferrol

     O tempo para Ferrol      Idioma   Contáctanos
 
 

MENÚ

Orixe e evolución

Antigos barrios

Novos barrios

A zona rural

Introducción

A Cabana

San Felipe

San Cristovo

Cariño

Valón

Brión

Monteventoso

Prioriño

Punta Penencia

Praia de Doniños

...

Prazas e Monumentos

Museos y Bibliotecas

Edificios

Tradicións

Deporte

O Naval

 

 
 
 
 

 

A  ZONA  RURAL

 

Introducción

Na opinión de moita xente, sobre todo de boa parte dos forasteiros que nos visitan, a parte máis bonita de Ferrol son os seus arredores.

Evidentemente, son opinións moi subxectivas, que dependen das preferencias persoais e do que cada un queira ou espere ver. Mais en calquera caso, a verdade é que os arredores de Ferrol son realmente fermosos.

E para que se vexa que esta non é unha afirmación gratuíta, froito da lexítima paixón dos ferroláns, expoñeremos aquí unha pequena parte dese tesouro que é a Zona Rural.

 

Camiño da Cabana

Saíndo da cidade pola estrada do porto, cara á Malata, atoparemos o Estadio, varios campos de fútbol pequenos, piscina, lagoa artificial e pavillón polideportivo. No centro deste conglomerado atópanse as amplas instalacións da Feira de Mostras que, ó longo do ano, acolle numerosos eventos de toda clase.

Unha primeira bifurcación nos convida a escoller entre a rota da costa – á esquerda - ou a do interior, cara a Serantes.

Seguindo pola estrada da esquerda, atopamos de seguida outra bifurcación que obriga a escoller a estrada de San Xurxo á dereita, ou a da Cabana pola beira da ría.

Se eliximos esta última, atopámonos axiña nun agradable entorno entre rural e urbano, con vivendas de pouca altura, fincas e chalés das máis variadas formas e colores, e con algún edificio importante medio escondido entre a vexetación.

 Edificio notable da Cabana.

 

A esquerda, o recuncho da ría onde antigamente houbo un pequeno estaleiro, hoxe ocupado por distintas instalacións deportivas, como o Club de Regatas, a Escola de Vela, etc. 

A Ría na Cabana

 Camiño de San Felipe

Seguindo a nosa viaxe, atopámonos de súpeto co túnel de entrada á Base Naval e coa empinada costa da estrada que a través de A Graña (ver Antigos Barrios),  nos leva polo alto do monte e á beira da ría, cara ó poboado de San Felipe e o seu impresionante castelo- fortaleza, magnífico exemplo da arquitectura e da enxeñería militar de finais do século XVI. 

 

Castelo de San Felipe

   

San Felipe  

Despois da imprescindible visita ó castelo, e sempre pola beira da ría, a estrada lévanos cara á aldea de San Cristovo, a onde chegamos despois dunha pequena parada para regalar os ollos coa fermosa vista da entrada da ría, entre os dous castelos, de San Felipe e A Palma.

Entrada da ría cos dous castelos

 Camiño de San Cristovo

A pequena aldea de San Cristovo é un bo exemplo da zona rural costeira, coas súas casas de unha ou dúas alturas, algunhas bastante antigas, e outras tipo chalé, que foron edificadas ou reformadas aínda non hai moitos anos. O mar é o protagonista principal da paisaxe que se ofrece á vista dos viaxeiros, que un pouco máis adiante atoparanse cunha pequena e vella ermida adicada ó mesmo Santo.

San Cristovo

A Ermida

 

Camiño de Cariño

Como remate final desta etapa chégase a aldea de Cariño, situada nunha depresión entre o monte e o mar, cunha pequena enseada do mesmo nome, na que se encontra unha fermosa praia de branca area e tranquilas augas. As construccións son case todas tipo chalé e, a maioría delas, de construcción recente, en fincas individuais.

 

Cariño

Praia de Cariño

Desde aquí, empréndese o camiño de volta cara á cidade, pola estrada que atravesa o monte e que, cando inicia o descenso, nos permite albiscar entre as árbores, o val de Doniños, outro encantador lugar para ser visitado na seguinte ocasión.

 

 

 

Se queremos retomar a rota da costa despois da anterior visita que rematara na pequena aldea de Cariño, sairemos da cidade pola mesma estrada do porto, cara á Malata, e despois de pasar as instalacións deportivas e a Feira de Mostras, atoparemos o cruce de Serantes, que deixaremos á dereita para chegar axiña o cruce de A Cabana.

Nos arredores deste cruce atoparemos unha gasolineira, unha farmacia e varios establecementos de hostalería cunha ben gañada fama.

 

Camiño de Valón

Aquí teremos que virar á dereita, pola estrada de San Xurxo, para subir a Montecoruto e Valón por unha estrada moi ampla e en boas condicións, na que tamén se atopan bares e restaurantes moi frecuentados.

A día de hoxe, Valón estase a converter nun importante núcleo de poboación, entre rural e urbano, cunha maioría de vivendas unifamiliares, entre as que se atopan algunhas con bastante antigüidade.

 

 

 

 

A Asociación de Veciños

 

A escola

 

O monumento ó fígado

 

En Valón atopamos un cruce que nos ofrece varias posibilidades: unha á esquerda, outra no fronte e dúas á dereita, todas elas conducindo a lugares moi interesantes, como son Brión, Penencia- Prioriño, Doniños- San Xurxo e Esmelle:

 

Camiño de Brión

A primeira desviación á esquerda é unha das posibilidades de chegar ata a aldea de Brión, á que se pode subir tamén desde A Graña.

Brión é unha pequena aldea situada no cumio do monte do seu mesmo nome, desde onde se pode enxergar un interesante panorama da ría e das poboacións de ámbalas dúas marxes. Desde Brión pódese chegar a varios lugares veciñais, como Liñares, O Espiño ou Martín.

Nos últimos anos, Brión experimentou un importante aumento en edificacións, a maioría de tipo unifamiliar, pero aínda se conserva un interesante núcleo de casas antigas e rúas estreitas.

 

 

A  Asoc de Veciños

 

A Igrexa de Brión

 

 

Camiño de Monteventoso

A estrada do fronte nos dirixe cara á Punta Penencia e Prioriño, na costa atlántica. Aproximadamente a un quilómetro, unha subida á esquerda ofrécenos a posibilidade de subir ata o Confurco e alí escoller dirección ata o porto exterior, ou ata as ruínas do observatorio meteorolóxico de Monteventoso, desde o que se pode disfrutar  de fermosas vistas panorámicas, co lago, o val e a praia de Doniños á dereita, ou as rías de Ferrol, Ares e Coruña á esquerda. Inclusive en días con boa visibilidade poderíanse albiscar a cidade coruñesa e as illas Sisargas.

 

Doniños desde Monteventoso

 

Camiño de Prioriño

Continuando cara á costa, chegaremos á Punta de Prioriño, onde se atopa un Faro catalogado de cuarto orden, construído a mediados do século XIX, e unha antiga batería de canóns da defensa costeira, hoxe en desuso, todo na impoñente presenza da inmensidade do Océano Atlántico.

O Faro, edificado a 27 metros sobre o nivel do mar, con casa e unha torre octogonal, ten no cumio unha lanterna de luz branca, cun alcance de 23 millas náuticas. En 1997, instalouse un radio faro nunha caseta a carón do edificio anterior.

Grazas á súa privilexiada posición, a luz do faro é unha guía eficaz para os barcos que se dirixan ó recentemente construído porto exterior de Ferrol.

 

Faro de Prioriño

 

 

Camiño de Punta Penencia.

Despois de recrear a vista e o espírito na contemplación da fermosa paisaxe, regresaremos cara ó cruce do Confurco, e ó da estrada de Penencia que nos leva cara á punta dese mesmo nome.

Despois de atravesar Fontá, chegamos a un cruce onde nos recibe unha artística reprodución de Don Quijote, feita con pezas de automóbil.

 

O monumento a Don Quijote

 

Seguindo de fronte, chegaremos a Punta Penencia desde onde podemos enxergar, á dereita, toda a praia de Doniños na súa lonxitude duns dous quilómetros; á esquerda, unha vez atravesado o promontorio por un estreito sendeiro que é necesario percorrer a pé, poderemos contemplar, en baixo, a pequena e fermosa praia nudista de Lumebó, moi frecuentada no verán.

 

Camiño da praia de Doniños

Agora é necesario retroceder ata o cruce de Don Quijote, para baixar ó fondo do val de Doniños, por unha estrada serpenteante que nos vai achegar a outro cruce no que teremos que elixir entre dúas posibilidades:

Unha, virar á dereita, para desprazarnos a través do verde val por unha pista que pasa entre o cemiterio e a igrexa da parroquia de San Román, e volver ó cruce de Valón para regresar á cidade. Se escollemos este camiño, poderemos recrear os ollos coas abondosas tonalidades verdes dos campos do val e botarlle unha ollada ó cemiterio e a vella Igrexa.

 

 

 

Vistas de Doniños

Vistas da Igrexa  

 

Se seguimos de fronte chegaremos ó cruce da Croa, a carón do antigo polígono de tiro da Armada, cos núcleos poboacionais do Vilar a un lado e de Outeiro no outro. Entón, poderemos baixar á praia para deixar o coche e disfrutar do paseo marítimo e da refrescante brisa mareira.

 

Doniños Outeiro

 

Praia de Doniños

 

Despois retornaremos a Ferrol, continuando pola estrada da praia ata a estrada de San Xurxo e desde alí ó cruce de Valón, ou retroceder ó cruce da Croa, onde poderemos repoñer forzas nalgún dos bares do lugar, e seguir de fronte para enlazar coa estrada de San Xurxo, e chegar á cidade vía Valón e Montecuruto, deixando para outra ocasión a visita a San Xurxo, Esmelle e Covas e as súas fermosas praias.    

 

 

 

 
 

Copyright © 2007 ferroldondeyonaci. Todos os dereitos reservados